O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, visitou este mediodía o Hospital Público da Mariña
No transcurso da súa visita ao hospital situado en Burela, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, o conselleiro remarcou que os hospitais comarcais son imprescindibles para achegar unha asistencia sanitaria de calidade ao conxunto da cidadanía.
Gómez Caamaño lembrou que está a visitar todos os hospitais comarcais públicos para poñer en valor e agradecer o labor fundamental que se desenvolve nestes centros, así como coñecer as necesidades dos profesionais e manifestar a determinación da Xunta para mellorar as condicións do seu funcionamento.
O conselleiro aludiu especialmente ás melloras levadas a cabo no Hospital Público da Mariña desde 2015 que, cun investimento de 19 millóns de euros, marcaron “un antes e un despois” neste centro hospitalario.
Destacou a dotación dun hospital de día oncohematolóxico e a execución dunha primeira fase de ampliación e reforma que supuxo a construción dun novo edificio de hospitalización e consultas externas, ampliando a superficie do centro en 6.000 m2 e modernizando áreas como diálise e administración.
Tamén se referiu á ambiciosa actuación de eficiencia enerxética levada a cabo cun investimento de case 2 millóns de euros e á renovación e ampliación do equipamento tecnolóxico, cunha nova resonancia magnética e un novo TAC, ao que se destinou 2,2 millóns de euros.
Próximas actuacións
Tal e como detallou o conselleiro na súa intervención, o compromiso da Xunta co Hospital da Mariña, que atende a 70.000 persoas, continúa. O Goberno galego está a avanzar para desenvolver integramente a Fase II do Plan Director do hospital, unha actuación de relevancia que contará cun investimento de 30 millóns de euros e suporá a ampliación de áreas críticas como o hospital de día polivalente, as urxencias, radioloxía, anatomía patolóxica, laboratorio e cirurxía maior ambulatoria.
Gómez Caamaño incidiu en que o conxunto do Plan Director incrementará a superficie do hospital nun 70%, acadando os 28.200 m2. Lembrou que o proxecto está moi avanzado e que toca agora abordar coa área sanitaria un plan de actuacións que garanta compatibilizar as obras coa actividade asistencial.
Respecto das necesidades de persoal, lembrou que a Consellería de Sanidade axustou as condicións para contar con profesionais nas prazas de difícil cobertura, posibilitando a súa convocatoria por concurso de méritos, o que facilitou a incorporación de 16 novos especialistas en áreas clave do hospital.
O conselleiro rematou a súa intervención reafirmando o compromiso do Goberno galego co crecemento e mellora continua do Hospital Público da Mariña, asegurando unha atención de calidade para todas e todos os seus usuarios.