Ribadeo, 21 de xullo de 2024. Mais de 2.000 persoas asistiron o venres e o sábado, no pavillón municipal de Ribadeo, ao Torneo Internacional que disputaron as seleccións de baloncesto feminino U18 de Croacia, Polonia, Hungría e España entre o 18 e o 20 de xullo. Outras 3.000 persoas seguiron as retransmisións vía streaming.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, subliñou: “estamos moi contentos de recibir en Ribadeo un verán máis á selección española se baloncesto feminino U18. Na nosa vila contamos cunhas instalacións deportivas de primeiro nivel que nos permiten acoller esta tipo de eventos deportivos: concentracións e torneos internacionais, como os que a selección española ven de disputar do 18 ao 20 de xullo coas de Croacia, Polonia e Hungría”.
Silvent engadiu: “Ribadeo é unha vila que vive de xeito especial o baloncesto, grazas ao traballo que realiza o CB Ría de Ribadeo, club co que desde o Concello estamos a colaborar. Grazas ás seleccións que participaron neste torneo internacional. Agardamos seguir contando con elas en anos vindeiros. Estas rapazas son un exemplo para as nenas de Ribadeo que tamén se está a iniciar ou que xa practican este deporte”.
A selección española seguirá concentrada en Ribadeo ata o vindeiro 29 de xullo.