A Mariña, mércores 24 de xullo de 2024. O BNG mariñao e Galiza Nova celebraron con gran éxito de público os actos previos do Día da Patria na comarca. Foi o sábado 20 á tarde no porto de Foz cando comezaron os actos coa XXIX edición da Festa da Patria coa habitual degustación de chicharro lañado e as actuacións de Os Lambós e a D´j Pacolo & compañía. O domingo 21 celebrouse en Barreiros a XVII edición da Manifesta da Patria con xantar nacional-popular que tiña como prato principal o bonito á brasa. Tamén con sesión vermú con D´j e música tradicional. E o martes 23 Galiza Nova celebrou na antiga praza de abastos de Burela un parladoiro-foliada con gran éxito de participación. No parladoiro, co título de “O movemento feminista na Mariña” interviron a escritora Lucía Ferro e a traballadora cultural Silvia Fiallega e na foliada interviron os grupos de música tradicional Arumes e A Chocolateira.
Somos máis
Máis de 700 persoas participaron nestes actos de celebración nacionalista, algo que según a dirección comarcal do BNG “é unha nova moi gratificante, pois o BNG é unha forza política claramente á alza que non deixa de medrar elección tras elección e cun discurso e unha práctica coherente e transformadora, que traballa por unha Galiza forte que faga valer os nosos intereses de país e coide dos galegos e das galegas con servizos públicos, universais e de calidade, coma a sanidade, na que na comarca da Mariña levamos anos de loita fronte ao proceso de desmantelamento que leva a cabo o PP”.
Gobernos municipais: transformando os concellos
A alcaldesa de Barreiros Ana Ermida destacou o importante papel que os gobernos e cogobernos municipais do BNG desempeñan na transformación dos concellos, poñendo estas institucións ao servizo da cidadanía e donde as persoas son protagonistas das políticas municipais, e mencionou os exemplos de Muras, Foz, O Valadouro, Burela, Viveiro e Barreiros, donde o BNG tén responsabilidades de goberno.