O presidente de Camiñantes e Camiños, José Manuel Gómez Puente, contou que “na Romaría de Santo Estevo 2024 cumprimos con todo o que tiñamos previsto, porque había unha previsión de chuvia, pero non foi así, puido que os ovos a Santa Clara foran o antídoto ás previsións meteorolóxicas”.
Gómez Puente relatou que “fixemos unha ruta pola fraga de Santo Estevo. Despois houbo misa cantada e quería aproveitar a ocasión para agradecerlle ao noso cura don Xosé a súa dispoñibilidade e ao noso coro Airiños do Mar, de Barreiros, o seu bo facer. Houbo moita xente na procesión na que contamos co noso gaiteiro Antón. A sesión vermú estivo moi ambientada con música da terra e os aromas das sardiñas e os torreznos competían para ser desgustados”.
O presidente de Camiñantes e Camiños explicou que “84 veciñas e veciños compartirmos xantar e amizade; xogamos ao tute onde Amadita e Maricarmen se proclamaron campioas. E a xornada rematou coa gran actuación do Mago Rafa e a música de Marcos The Sound Project. Así concluíu unha romaría para lembrar”.
José Manuel Gómez Puente tivo tamén palabras de agradecemento para os colaboradores e asistentes: “quería destacar a gran axuda e colaboración de moitas persoas que fixeron posible a romaría. Gracias a todos elas polo seu traballo e tamén gracias a todas a persoas que asistiron”.