Ribadeo, 5 de xullo de 2024. Mañá, sábado, rematan as véspera do Ribadeo Indiano cunha merenda campestre e co concerto de Roi Casal en Pedro Murias.
A concelleira de Turismo, Marta Saíz, explica que “comeza a conta atrás para a novena edición do Ribadeo Indiano. Levamos días celebrando as vésperas e as antevésperas con visitas teatralizadas, con obradoiros de doces, con monicreques na rúa… para ir creando ambiente e prepararnos para os días 12, 13 e 14 de xullo”.
A edil ribadense sinala que “mañá, 5 de xullo, teremos unha merenda campestre na granxa escola Pedro Murias, un lugar dunha beleza especial e no que a pegada indiana é evidente xa que a instalación foi levantada grazas á filantropía dun emigrante ribadense que fixo fortuna en Cuba e que da nome ao centro. A merenda dará comezo ás seis tarde. Animamos ás familias á levar as súas cestas e os seus manteis para compartir unha tarde diferente. Logo haberá unha degustación gratuíta do saboroso Chocolates Moreno, chegado directamente de ultramar”.
Saiz engade que “a xornada culminará co concerto que ofrecerá a partires das oito e media da tarde o cantautor Roi Casal. Queremos animar desde a organización do Ribadeo Indiano a achegarse mañá pola tarde a Pedro Murias a gozar dun sábado diferente”.
Domingueo
Este domingo, 7 de xullo, rematará o Domingueo en Ribadeo, que se veu celebrando desde o pasado 21 de abril, organizado tamén polo Concello e por Acisa.
O domingo Música de Sofá actuará a partires das 13:00 horas na Zona Vella para animar a hora do vermú, dos viños e das compras en Ribadeo.
“Estamos contentos coa acollida que tiveron estes concertos por diferentes recunchos da nosa vila, porque encheron de ritmo os mediodías dos domingos. Foron 7 actuacións as que se desenvolveron entre abril e xullo”, sinalan desde a organización. O Domingueo en Ribadeo pasou polo porto, pola rúa San Francisco, pola Praza de Abastos, pola Avenida Rosalía de Castro, pola rúa San Roque e pola Praza de Abaixo.
No nome da organización a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, anima “á xente de toda a contorna e aos visitantes que se atopan por aquí, e que xa son moitos, a achegarse a gozar do Domingueo en Ribadeo e de todas as propostas previstas para esta fin de semana. Agardamos que o tempo nos bote unha man para poder aproveitar e disfrutar das rebaixas, das terrazas e das vésperas do Ribadeo Indiano. Imos así quentando motores para a novena edición deste evento histórico cultural”.