Site icon Crónica3.com A Mariña

Esta fin de semana celébrase unha nova edición da Subida á Pontenova, co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación

A Pontenova, 1 de xullo de 2024. Este mediodía presentouse a XI Subida da Pontenova, que se celebrará a vindeira fin de semana – 6 e 7 de xullo- organizada pola Escudería A Pontenova, co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que achega 7.000 euros á organización da proba, e a colaboración do Concello e da Xunta de Galiza.

O rally, que puntúa para o Campionato Galego de Montaña, mantén o trazado habitual, quilómetros pola estrada LU-P-4803, que sae desde a zona do Camiño da Feira da Pontenova cara a Augaxosa (Riotorto).

O trazado pasa polas parroquias de Vilameá, Rececende e Santo Estevo, con puntos especialmente atractivos para as afeccionadas e afeccionados como o paso polas curvas das Cruces e da Picota e por Vilar das Pedras. A organización ofrece servizo de transporte gratuíto para facilitar o desprazamento polo percorrido e tamén retransmitirá a proba, a través da canle de YouTube da Federacio Gallega de Automobilismo.

A Praza dos Fornos acollerá o parque de custodia, no que se concentrarán os vehículos durante a mañá do sábado para realizar as verificacións técnicas e administrativas previas á carreira, que se disputará en catro mangas cronometradas. Dúas na tarde do sábado -6 de xuño- e outros dúas o domingo – 7 de xuño- pola mañá.

Ademais, durante a fin de semana, instalarase na Casa da Cultura da Pontenova un simulador co percorrido da Subida, para que as persoas interesadas poidan probar a súa habilidade ao volante de xeito virtual.

Na presentación, o deputado d Rural, Mar e Mocidade Daniel García valorou “o traballo da escudaría local na organización da proba” e destacou “a repercusión deportiva do rally, que se consolidou como un referente do motor en Galiza, e tamén o dinamismo social que acompaña este tipo de probas pola gran seguimento que teñen por parte de afeccionadas e afeccionados de todo o país e de Asturias”.

No acto, tamén participaron representantes da Escuderia Pontenova, a tenente alcalde e concelleira de Benestar Social e Participación Cidadá, Isabel Couto, o concelleiro do BNG, Xorxe Gómez, e o xefe territorial de Cultura e Xuventude, Manuel Fernandez, e representantes da Federación Galega de Automobilismo.

A falta dos datos de inscrición definitivos -o prazo remata maña ás 20.00 horas-, a escudaría local será protagonista na estrada, coa participación de catro pilotos baixo o seu paraugas: Adrián Ron Fernandez, que debuta nunha competición federada, Cesar Diaz Perez e Javier López García. Tamén correrá como piloto da escudaría pontenovesa José Alonso Liste, que está a disputar o campionato galego cun Formula 3 preparado polo alumnado do CIFP As Mercedes de Lugo.

Apoio ao automobilismo

A Subida á Pontenova é a segunda gran proba automobilística que se celebra na comarca da Mariña co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo este ano, despois de que en maio se disputase o Rally da Mariña.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo tamén é o principal soporte económico para a organización da Subida a Chantada, que se disputará en xullo, e para o Rally San Froilán, en outubro.

Ademais, cada ano convoca unha liña de axudas a pilotos de rally e colabora na organización do Volante Deputación, un programa deportivo e formativo que ofrece a pilotos noveis a posibilidade de iniciarse na competición.

Exit mobile version