O mozo, de 28 anos e de Antas de Ulla, que se clasifican por primeira vez para unha final do Volante, foi o máis rápido na final que se celebrou este domingo, polo que recibe como premio a participación como piloto titular no Rally San Froilán 2024, a bordo dun Dacia Sandero, dentro da estrutura do equipo da escudería PTC. Unha oportunidade para iniciarse na competicion de forma totalmente gratuíta e nunha das probas de maior prestixio do calendario galego de asfalto.
Pablo López Blanco, Adrián Fernandez Fernandez e Jesús Manuel Neira Lira completaron o cadro da final, que puxo fin a duas xornadas de intensa actividade no circuíto municipal pastoricense, o único circuíto oficial destas características na provincia de Lugo
Tempos da final
Diego Gómez Miguélez 2.00.897
Pablo López Blanco 2.01.993
Adrián Fernandez Fernandez 2.04.534
Jesús Manuel Neira Lira 3.00.000
Na entrega de premios, o deputado de Mocidade Daniel García felicitou a gañador e finalistas “polo traballo realizado durante as dúas xornadas no circuíto” e valorou “o interese que ano tras ano desperta esta proba, que demostra a importancia que o coñecemento e a formación técnica teñen á hora de competir”
O responsable provincial reafirmou o “compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa continuidade deste premio, que ofrece a pilotos noveis a posibilidade de formarse e iniciarse na competición, alimentando desde a base a afección a este deporte que ten moito arraigo nas distintas comarcas”
Preto de 160 pilotos participaron na proba organizada por PTC Escuela, que combina formación en condución deportiva e competición. Todos os participantes recibiron un curso de formación técnica e conducion segura, para igualar e equilibrar os coñecementos.
Posteriormente, durante a xornada do sábado e na mañá do domingo, divididos en grupos e acompañados por persoal técnico da escudería, realizaron probas cronometradas con vehículos tamén proporcionados pola escudería. Pola tarde, disputouse a semifinal – na que participaron os dez máis rápidos nas roldas previas por grupos – e a final.
Preparación para a participación no Rally San Froilán
Diego Gómez Miguélez terá a oportunidade de seguir perfeccionando a súa destreza ao volante nos vindeiros meses, nos que recibirá formación específica para participar no rally San Froilán como piloto da escudería PTC. Este ano, como novidade, a súa participación na carreira lucense ligarase á nova Sandero Eco Cup Galicia, unha das copas de promoción do rally, o que engade un novo aliciente á sua estrea competitiva.
O Volante Deputación de Lugo, que se celebrou por primeira vez en 2012, deu a oportunidade de iniciarse na competición automobilística a máis dunha ducia de mozos lucenses. Diego Gómez Miguélez súmase a unha lista da que son parte Carlos López, Juan López, Jairo Castro, Francisco Dorado, Joshua Polo, Rubén Sánchez, José Miguel Rodríguez, Carlos Rodríguez, Jairo Fernández, Pablo Guerra, Ánxel Vizoso e Hugo Iglesias, gañadores das sucesivas edicións da proba.
Apoio ao automobilismo
O impulso do Volante Deputación reforza a rede de apoio ao automobilismo da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que dá soporte económico ás principais probas de rally de asfalto e de rally de montaña que se celebran na provincia – o Rallly da Mariña, o Rally San Froilán, a Subida a Taboada, a Subida á Pontenova ou a Subida a Chantada – e convoca, cada ano, unha liña de axudas para pilotos de rally, cun investimento total de 45.000 euros. Nos vindeiros dias, coñecerase a resolución da convocatoria de 2024, con bolsas que oscilan entre os 300 e os 2.500 euros dacordo cos resultados acadados polas persoas soclitantes nas probas disputadas en campionatos galegos, estatais e internacionais.