A xa tradicional celebración prolongarase ata a noite do domingo, día 7 de xullo
Viveiro, 4 de xullo de 2024. O Concello de Viveiro deu comezo hoxe, xoves 4 de xullo, ao seu xa tradicional Mercado Renacentista, que celebra este ano a súa XVII edición.
Ao longo da tarde haberá mútiples pasarrúas de música renacentista, representación teatrais, espectáculos de maxia e outras actividades, culminando co espectáculo de lume A Fuego Lento ás 22:00.
Mañá, venres 5 de xullo, o mercado e o rincón infantil abrirán ás 11:00, e haberá de novo múltiples actividades ao longo do día. En varios momentos do día haberá tamén exhibicións de voo de aves rapaces e máis espectáculos de lume pola noite.
O sábado e o domingo haberá unha programación similar á do venres, con actividades constantes entre as 11:00 e ás 15:00 e a partir das 17:00.
A alcaldesa María Loureiro destacou “a ampla programación desta nova edición do mercado, con actividades para todos os públicos e para todos os gustos ao longo dos 4 días de celebracións”.
Por outra banda, a concelleira de Cultura, Lara Fernández Férnandez-Noriega, convidou “a toda a veciñanza a participar na feira, que fará que Viveiro viaxe no tempo á época renacentista, enchendo a vila de música, teatro e moito máis”.