Viveiro, 3 de xullo de 2024. O Concello de Viveiro informa de que onte comezaron unhas obras de acondicionamento, preparación e nivelación do terreo na zona da variante e San Roque.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, encargouse de solicitar a maquinaria á Presidencia da Deputación de Lugo e os equipos xa traballan “na formación da base e a aplicación das capas de rego asfáltico; as obras están desenvolvéndose a un bo ritmo, prevéndose que poidan estar rematadas o venres”, asegura.
Pola súa parte, Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa e concelleira de Obras, afirma que se organizaron “as actuacións previas necesarias para rebaixar a cota, facer o recrecido de tapas e xestionar o material sobrante”.
Unha vez finalizadas as obras, é preciso manter ese espazo pechado ao tráfico rodado para garantir a boa execución das mesmas durante tres días.
Neste sentido, sinalizarase in situ indicando ata que día non se poderá acceder a este espazo.
Dende o Concello de Viveiro pídese desculpas polas molestias que se poidan ocasionar.