Alfoz, 19 de xullo, 2024. Xa está nas librarías Nove lúas, a novela de Lionel Rexes distinguida co Premio Neira Vilas o pasado ano.
Publicada por Edicións Embora, esta obra supón a terceira novela do escritor alfocés tras A raíña das velutinas e A montaña do poeta, ambas lanzadas por Xerais en 2017 e 2022 respectivamente.
O xurado do certame literario destacou, á hora de escoller este texto “a fondura psicolóxica no tratamento dos personaxes e a súa fascinante maneira de enfrontar os desafíos dunha realidade desacougante”.
Nové lúas podería encadrarse no xénero do thriller, pois unha infinidade de misterios van tecendo a narración até desembocar nun labirinto de dilemas morais, inesperados xiros da trama e conflitos éticos.
Impregna o argumento un factor constante que se podería denominar xogo de sombras, pois baixo a trama planean esas dobres vidas que, polo xeral, se dan nos ámbitos rurais, onde todo o mundo se coñece.
Podería dicirse que todos os personaxes da novela esconden algo, de tal xeito, o xogo de máscaras obrigará o lector a descifrar as auténticas motivacións que impulsan cada movemento e actuación. Á sombra de todo isto, corrupción, paixóns pouco convencionais, furtivos encontros, incoherencias ideolóxicas, doenzas psíquicas que desencadearán resultados terríbeis e intereses bastardos conforman unha trama inquietante.
Recentemente tivo lugar a primeira presentación de Nove lúas en Vila de Cruces, localidade natal de Xosé Neira Vilas e lugar onde se atopa a sede da Fundación que leva o seu nome, entidade cultural que anualmente convoca diversos premios e actividades literarias. Proximamente terán lugar novas presentacións de Nove lúas noutras localidades.