O evento celebrarase nas pistas de atletismo da Veiga e está organizado polo club de atletismo Maderas Barcia Cervo coa colaboración do Concello
Cervo, 4 de xullo de 2024. As pistas de atletismo da Veiga acollerán as Primeiras Olimpíadas de Atletismo o domingo, 14 de xullo.
A cita deportiva foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, a tenente de alcaldesa, Mali Méndez, polo vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Suso Vázquez, e pola Presidenta do Club Maderas Barcia Cervo, Patricia Calvo, como entidade que organiza o evento, coa colaboración do Concello.
Tal e como sinalaron, estas olimpíadas nacen co obxectivo de facer un día enteiro de competición para fomentar o deporte do atletismo, e que os atletas poidan participar nas diferentes disciplinas que compoñen o Mundo Atlético.
As inscricións permanecerán abertas ata o luns 8 de xullo a través do enlace https://ccnorte.com/evento/detalle/page/3/id/2840/1-olimpiadas-de-atletismo-cervo nas categorías Benxamín, Alevín e Infantil.
As probas que compoñen a competición destas Olimpíadas son salto de lonxitude, 500 lisos, 100 lisos, lanzamento de peso e salto de altura.
A retirada de dorsais realizarase ese día de 9:00 a 10:00 horas. A partir das 10:00 horas estableceranse os grupos de traballo para toda a xornada comezando cos quecementos.
Ás 19,00 horas está prevista a cerimonia de premiación. Haberá medallas para o ós tres primeiros clasificados de cada categoría e Diplomas para todos os participantes, ademais de servizo de avituallamento, seguro individual de accidentes , dorsal personalizado e servizo de ambulancia no evento.
Desde o Concello de Cervo animan aos atletas a que se sumen a esta competición que nace co espírito de fomentar a práctica do atletismo entre os máis novos, e que temos o privilexio de poder acoller nunhas instalacións de luxo como son as novas pistas da Veiga, recentemente acondicionadas como escenario idóneo para poder acoller este tipo de eventos que tamén enchen de vida o noso Concello a través do deporte.