Os espectáculos para todos os públicos son, na súa maioría ás 12 horas, e os destinados a público adulto realizaranse ás 22 horas
Ao acto asistiro a deputada provincial, Cristina García, a alcaldesa de Cariño, Ana María López e a concelleira de Cultura, Laura García.
Un total de 14 representacións de distintas índoles encherán de maxia os dous escenarios, que serán o Auditorio Municipal e a Praza da Pulida.
En palabras da alcaldesa, Ana María López, “a Mostra de Teatro de Cariño é un evento máis que consolidado no Ortegal, e mesmo en Galicia, que xa celebra a súa edición número XLVI, achegando ao noso municipio artistas de compañías de teatro de primeiro nivel”.
“Durante a Mostra, achéganse ao noso municipio centos de visitantes desde distintas partes para gozar das representacións, que ano tras ano ofrece unha ampla gama espectáculos teatrais para desfrute dos veciños e veciñas de todas as idades” engadiu.
Pola súa banda, a deputada provincial, Cristina García, quixo “poñer en valor esta Mostra e a toda esa xente que a fai posible, que celebra xa 46 edicións, algo que é digno de subliñar”.
“Para a Deputación da Coruña é un pracer poder colaborar con este tipo de iniciativas, que achegan a cultura a municipios máis pequenos, facilitando o acceso a distintas disciplinas artísticas a todos os recursos da provincia” concluíu.
Programación da Mostra
O domingo ábrese a programación co acto de inauguración, no que se fará a entrega do Premio público adulto 2023 e do Premio público infantil 2023. Neste caso o premio adulto recaeu en na Compañía Chévere coa obra ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E’, mentres que no apartado infantil o recoñecemento vai para a Compañía Náufragos coa súa obra ‘Hugo’.
A continuación o grupo de teatro Barafunda ofrecerá o espectáculo itinerante ‘Os zancudos’, que percorrerá as rúas da vila a partir das 12 horas.
Ese mesmo días, a partir das 20:30 horas, a Praza da Pulida ofrecerá o espectáculo circense de Mute, ‘Oran-Bi’, para todos os públicos, con entrada de balde.
O luns, 5 de agosto, o espectáculo trasládase ao Auditorio Municipal, a partir das 12 horas, co grupo de teatro Ghazafeglhos e a súa obra ‘Bon Apetit’, para público familiar.
Ás 22 horas a cita será con Malasombra producións e a súa función ‘D.E.P., para público adulto.
O martes, 6 de agosto, a partir das 12 horas Os Náufragos representarán a obra ‘Comenoites’, para público familiar no Auditorio Municipal. Cara a noite, a partir das 22 horas, tamén no auditorio, será a quenda para Culturactiva e ‘As alumnas’.
Na sesión de mañá do mércores, 7 de agosto, o Auditorio Municipal acollerá a función infantil ‘Antón’, un neno diferente’ de Barafunda. De noite, o Grupo Chévere interpretará ‘As fillas bravas e o mito de ‘Casandra’.
O xoves 8 de agosto iníciase coa compañía Baobab Teatro e a súa obra ‘Ás para Álex’, a partir das 12 horas para público familiar. A sesión vespertina será para Tarabela Creativa, coa súa obra ‘Boa sorte e mala fama’, para un público adulto.
O venres, 9 de agosto, na sesión matutina poderemos ver a función ‘Monstros’ de Excéntricas, para público familiar a partir das 12 horas. Pola noite o grupo Náufragos interpretará ‘Noso’ para un público adulto.
O sábado 10 ofreceranse dous espectáculos como peche da mostra. Ás 12 horas, na Praza da Pulida, ofrecerase o espectáculo para todos os públicos, con entrada de balde, por parte de Culturactiva ‘Hoxe si’. Un espectáculo en linguaxe clown con acrobacias e moito humor.
Por último, para rematar a programación, a Praza da Pulida acollerá o espectáculo de música, ‘Catuxa Salom’, do grupo Urdime, para todos os públicos, a partir das 21 horas.
Desde o Concello de Cariño animan a todos e todas, veciñanza e visitantes, a achegarse ata o municipio a gozar do teatro