O secretario xeral do PSdeG explicoulles aos representantes dos traballadores que as instalacións de renovables terán o visto e prace do Goberno nos próximos días e, xunto coas dúas aprobadas a principios deste mes, sumarán case 500 megavatts
Besteiro felicitouse das “boas novas” que este mes de xullo trouxo para Alcoa, coa incorporación de preto de 500 megavatts ao futuro subministro de enerxía eléctrica “limpa e máis barata”. Os tres novos parques son os denominados Barqueiro (126 MW), Moeche (50,4 MW) e Badulaque (102,4 MW).
O tamén portavoz socialista no Parlamento Galego asistiu ao encontro na compaña do senador César Mogo, a deputada Patricia Otero, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e o alcalde de Foz, Francisco Cajoto. Besteiro destacou que o Partido Socialista acudiu á xuntanza, tras a petición da representación laboral, a maiores das reunións periódicas da comisión de seguimento do acordo entre traballadores e empresa.
Ademais de mostrar o seu compromiso coa “continuidade e a viabilidade” de Alcoa, defendeu o acordo que asinaron empresa e traballadores “para que se cumpra, e se non é con esta empresa, con outra solvente”. Nese senso, Besteiro insistiu en que a planta debe manterse, pero “sobre todo” o persoal.
A aprobación este mes de cinco proxectos que facilitarán un subministro eléctrico axeitado a Alcoa é un novo paso por parte do Estado para “garantir a viabilidade do negocio do aluminio”, asegurou José Ramón Gómez Besteiro.