Site icon Crónica3.com A Mariña

As xornadas de historia de Foz rematan cunha xornada sobre a romanización na Mariña

Foz, 31 de xullo, 2024. As xornadas de historia de Foz organizadas pola asociación cultural A Pomba do Arco féchanse hoxe o xoves 1 de agosto as 20:30 cunha palestra sobre A Mariña entre os séculos I e IV que se desenvolverá na casa da cultura “Poeta Manuel María” de Foz. A conferencia será pronunciada por Antonio Rodríguez Baixeras.

Antonio Rodríguez Baixeras, natural de Ribadeo pero ligado familiarmente ao concello de Foz, e máis concretamente a parroquia de Nois, é doutor en Historia, destacando polos seu traballos sobre a Idade Medio, moi particularmente polos seus séculos iniciais. Neste liña, atesoura unha longa traxectoria como investigador, cunha abondosa bibliografía.

A palestra fará un percorrido polas terras da Mariña no período da romanización, desvelando as referencias a esta comarca nas fontes clásicas dos autores do período e percorrendo as pegadas dos romanos na zona. A este respecto, Baixeras destaca a “interesante información dos escritores romanos da época que falaron da xeografía ou a poboación da Mariña”.

Baixeras indica que “pola comarca Mariña non discorría ningunha calzada romana importante, e estas son concibidas como eixos de todo o proceso de romanización o que explica a ausencia de referencias á zona nos mapas ao uso referentes”. Porén, desvela que as “referencias ao período na documentación da época, na cartografía e na arqueoloxía permítenos facer un composición sobre ese momento”.

O relator das xornadas de historia deste xoves apunta que “afortunadamente mapas máis especializados como o da Tabula Imperii Romani da Unión Académica Internacional (1.991) acredita a pegada romana sen ningún xénero de dúbida en Bares (Mañón), Cadabarcos (Mañón), Montoxo (Mañón), Praia de Area (Viveiro), Cadramón (O Valadouro) Mondoñedo, A Espiñeira (Foz) e Fazouro (Foz)”.

A Espiñeira acolleu durante a época romana un dos meirandes xacementos de ouro da Galiza, cuxa explotación rematou, probablemente, por volta do século III. A mina foi unha das máis grandes da época na Galiza, sumando máis de 150 hectáreas entre os concellos de Foz e de Barreiros, sendo propiedade do Imperio Romano e estando catalogada desde 2014, grazas ao labor de Mariña Patrimonio.

A arqueoloxía confirmou, tamén, a presenza dun embarcadoiro do período romano na praia da Pampillosa na desembocadura do río Ouro, en Fazouro, nas proximidades do castro do mesmo nome. Neste sentido, a súa existencia incide nas relacións económicas entre a área da Mariña é outro territorios integrados no Imperio Romano.

Baixeras sinala que “na charla faremos un pequeno percorrido por estes e outros lugares, facendo especial énfase na análise de aspectos monumentais dos castros romanizados como saunas e fortificacións”. A este respecto, destaca a importante rede deste tipo de asentamentos en todo o concello de Foz.

As pegadas romanas pódese seguir, sen ir máis lonxe, no castro de Fazouro. Así, por exemplo durante unhas das escavacións do enclave, apareceron, entre outros materiais, unha moeda romana de Antoniano, unha fíbula, restos cerámicos e un muíño circular que permite datar o castro entre os séculos I a.C e III d. C.

Exit mobile version