Antonio Ameijide esixe que “por xustiza” os fondos destinados a convenios se repartan de forma equitativa e igualitaria entre todos os concellos “sen discriminar a ningún veciño da provincia”
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que nestes primeiros seis meses foi de 3.341.548,03€ nun total de 29 convenios dos que 28 foron para concellos afíns (gobernados por PSOE e BNG) mentres que “unicamente un foi cun concello gobernado polo Partido Popular”, ou o que é o mesmo “o 99,9% Dos fondos aprobados por José Tomé, o PSOE e o BNG foron con municipios cun alcalde socialista ou nacionalista”, xa que só o 0.1% dos fondos foi a parar a gobernos distintos dos partidos do bigoberno provincial.
Son un total de 3.341.548,03€ repartidos a dedo a través de 29 convenios:
– Convenios aprobados pola Xunta Goberno Deputación 1º T e 2 T 2024
Total convenios = 20
Convenios concellos gobernados PSOE = 15
Convenios concellos gobernados BNG = 4
Convenios concellos gobernados Independentes = 1
Total achega Deputación = 2.644.564,06€
– Convenios aprobados por Resolución Presidencia Deputación 1º T e 2 T 2024
PSOE = 3 +1 = 4
BNG= 1
PP = 1
Total achega Deputación = 696.983,97€ (620.894,47€ 1T + 76.089,50€ 2T)
Ameijide sinala que “José Tomé e o goberno de PSOE e BNG discriminan á metade da provincia con este tipo de manobras” que, na maior parte dos casos, “os convenios asinados foron destinados a pagar a nefasta xestión de alcaldes socialistas e nacionalistas á fronte dos seus concellos, xa que moitos deles eran incapaces de facer fronte ao pagamento de facturas ou de afrontas os gastos correntes”.
Neste senso, Ameijide condenou que “PSOE e BNG empreguen a Deputación para tapar os buratos que os seus amiguetes xeran nos diferentes concellos” poñendo de exemplo o convenio interadministrativo de cooperación co Concello de Pol para colaborar no financiamento dos gastos correntes dese municipio por importe de 240.000€, dos que 200.000€ serán aportados pola Deputación.
Outro exemplo deste uso da Deputación “para tapar os buratos que crean os socialistas” son os 350.000€ dos fondos da Deputación ao Concello de Viveiro para “corrixir a mala xestión do goberno local” ou o convenio para dirixir 300.000€ a dedo ao Concello de Meira “para que puidesen pagar facturas”.
Pero tamén hai outros exemplos como os convenios para rescatar aos concellos de Guitiriz, Taboada ou Antas de Ulla, todos gobernados por alcaldes do PSOE.
Un uso “sectario e subxectivo dos fondos provinciais” mentres PSOE e BNG permiten que a rede viaria provincial “sexa perigosa” por mor do “seu nefasto estado de mantemento”. “Vemos como se mantén o sectarismo e o trato discriminatorio a moitos concellos e moitos veciños da provincia que o goberno de PSOE e BNG realizaron en 2023, cando destinaron 15M€ a municipios gobernados polos seus amiguetes”, lamentou.
No Grupo Provincial Popular “enténdemos que a Deputación está para colaborar cos concellos” pero “con todos os concellos”. “Non compartimos este reparto sectario e seguimos a defender un reparto igualitario entre todos”, sinalaron.