Como exemplo do extraordinario labor desta Organización para garantir a viabilidade da actividade marítimo-pesqueira, Villares cita o recurso presentado ao veto da Comisión Europea á pesca de fondo, e que obtivo o apoio absoluto do Goberno galego
Na súa intervención, o titular de Mar destacou que se está traballando en iniciativas que melloren a hixiene, a saúde e as condicións de traballo a bordo; que aumenten o valor engadido, a economía circular e a seguridade alimentaria; que limiten o impacto da pesca e reduzan os efectos do cambio climático; e que aumenten a eficiencia enerxética e reduzan as emisións de CO2. E é que, segundo remarcou Villares, a modernización da frota será decisiva para mellorar a partir deste ano situacións como a dos vetos en augas da Unión Europea. O exemplo é o palangre de fondo que, malia ser unha das artes máis damnificadas neste senso, é, por exemplo, unha das máis respectuosas co medio mariño.
Co sector
Así, neste escenario, para o dirixente autonómico, a OPP-7 está demostrando unha excelente capacidade de anticipación, como así o proba a súa experiencia no traballos de negociación de normativas ou de representación sectorial, sendo interlocutor ante as administracións europea, nacional e autonómica, ao formar parte da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Altántico (ICCAT), do Consello Galego de Pesca ou da Confederación Española de Pesca.
O exemplo máis recente, lembrou Alfonso Villares, é a presentación do recurso contra o veto da Comisión Europea á pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias, e cuxa vista oral se celebrou a semana pasada, en Luxemburgo, e na que o Goberno galego rebateu todos os argumentos técnicos alegados pola Comisión e o Parlamento Europeo, pois o palangre demersal, destinado á captura de pescada como especie obxectivo non reúne as condicións sinaladas no Regulamento base, e esta modalidade non figura na clasificación establecida sobre protección dos ecosistemas mariños vulnerable de alta mar fronte aos efectos adversos da utilización de artes de fondo.
O conselleiro do Mar felicitou, por tanto, á Organización de Produtores Pesqueiros de Burela pola iniciativa e animou aos seus integrantes a seguir traballando na mesma senda que o vén facendo dende que foi creada en 1.986, co fin de contribuír á boa marcha da PPC e da Organización Común do Mercado marítimo-pesqueiro europeo. Esta OPP desenvolve hoxe un extraordinario labor no fomento do exercicio dunha actividade viable e sostible e aumentando a rendibilidade económica dos seus membros, evitando e reducindo capturas non desexadas e contribuíndo á rastrexabilidade dos produtos da pesca e o abastecemento de alimentos. En definitiva, segundo destacou o titular de Mar, un colectivo clave para incrementar o valor de conxunto da cadea mar-industria.