O responsable autonómico destaca que a participación do Goberno galego permitiu achegar ao Tribunal Xeral da Unión Europea información precisa das repercusións económicas e sociais da prohibición establecida nos territorios afectados
O titular de Mar destaca o traballo realizado ata o momento polo Goberno galego ante o tribunal comunitario, rebatendo os puntos de incidencia técnica e científica alegados pola Comisión e o Parlamento Europeo demostrando que o palangre demersal destinado á captura de pescada como especie obxectivo non reúne as condicións sinaladas no Regulamento base, á vez que esta modalidade de palangre non figura na clasificación establecida sobre protección dos ecosistemas mariños vulnerables (EMV) de alta mar fronte aos efectos adversos da utilización de artes de fondo.
Nesta liña, recorda o respaldo á tese galega de outros organismos científicos como o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), organismo que asesora á Comisión, e que indicou que esta medida non ten base científica. Tamén pon en valor un recente informe do Parlamento Europeo que referenda o que ven defendendo a Xunta e o sector: o veto á pesca de fondo nas 87 zonas de augas comunitarias non está fundamentada e non atende ás particularidades das diferentes artes como o palangre ou a volanta. “Lamentamos que a Comisión non tivera realizado informes como a estes previamente a decidir unhas prohibicións arbitrarias e que poñen en risco o futuro de parte da frota e milleiros de empregos, xa que non teñen en conta o impacto socioeconómico” sinala o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.
Neste sentido o impacto socioeconómico desta decisión é outro dos apoios nas alegacións presentadas ante o Alto Tribunal xa que o peso do sector pesqueiro na economía galega ten un peso no seu valor engadido bruto (VAB) 25 veces superior ao de a UE e 6 veces superior ao do conxunto do Estado español. Tanto é así que se trata da principal actividade económica nun terzo dos concellos galegos.