O delegado territorial, Javier Arias, presentou hoxe a programación de ‘CulturON 2024’ para a provincia
Arias destacou a aposta pola descentralización deste programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con iniciativas en boa parte dos municipios da provincia e moi especialmente nas zonas rurais, en liña cos obxectivos da futura Rede Adival e da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia. Ademais, brinda ás industrias culturais galegas a oportunidade de amosar o seu traballo ao público en todo o territorio.
Inclúe proxectos propios da Administración autonómica ou en colaboracións con diferentes institucións e entidades privadas, de xeito que a Xunta asume un papel proactivo na xeración de contidos para todo tipo de público, desde grandes eventos a outros de pequeno formato.
Na comarca impúlsanse eventos en Barreiros, Burela, Foz, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove.
Deste xeito, organízanse actividades no marco do Resurrection Fest, o festival Bay y Gay, a Semana do Teatro Afeccionado no Valadouro, ou as Feiras do Libro de Foz e Viveiro.
Entre outras accións impulsadas figuran 12 funcións de teatro, cinco concertos e actuacións musicais, tres espectáculos de maxia e un de novo circo.
Cómpre destacar que o CulturON terá unha presenza continua nos medios de comunicación e en redes sociais cunha campaña destinada a informar á poboación sobre o programa, que tamén se pode consultar vía internet na Axenda de Cultura de Galicia.