Os asistentes percorreron as praias de Fontela, Valea e As Pasadas. A xeoruta tivo unha duración de 3 horas. Aproveitando a marea baixa, os participantes camiñaron polos areais descubrindo da man do xeólogo Iván Rodríguez a orixe das rochas nas que as ondas van esculpindo cantís, furnas e arcos. Aprenderon a diferencialas e tiveron a oportunidade de ver os impresionantes pregues que as deforman así como as intrusións de magma que as atravesaron camiño da superficie. Dez foron as persoas que gozaron desta xeoruta por Barreiros, procedentes de Foz, Taramundi, Lugo, Trabada, Ribadeo e Madrid.
Esta actividade enmarcouse dentro do programa de Xeoturismo do Plan de Sostibilidade Turística, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
As xeorutas continúan este mes de xullo da man dos Concellos de Barreiros, Burela e Ribadeo dentro da súa programación de visitas guiadas. En Barreiros a próxima será o día 22 de xullo, pero antes haberá opcións en Burela o día 9, 11, 16 e 20, máis o 23, 24, 27 e 30 e en Ribadeo os días 9, 11, 16 e 20 máis o 23 e 24. Todas elas gratuítas e co fin de dar a coñecer a gran riqueza xeolóxica destes concellos da Mariña.
Desde a Mancomunidade informan que esta é só unha pequena mostra do esforzo que realizan os distintos Concellos da Mariña para ofrecer unha variada e interesante oferta turística cultural e natural con distintas visitas guiadas e actividades para a posta en valor do rico patrimonio local. Oferta que recompila o ente xestor do xeodestino na súa web para información de visitantes e cidadanía en xeral: https://amarinalucense.gal/es/noticias/visitas-guiadas-en-a-marina