O areal dispón de tres socorristas e o concello abre un novo prazo para contratar máis persoal
Viveiro, 17 de xullo de 2024. O Concello de Viveiro informa á veciñanza de que esta mañá procedeuse ao izado da Bandeira Azul e da Bandeira Q de Calidade na praia de Area, uns distintivos de recoñecido prestixio que avalan a calidade das súas augas e os servizos prestados.
No izado destas bandeiras estiveron presentes a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; a tenenta de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente, Míriam Bermúdez; María Antonia Prieto, técnica de Medio Ambiente do concello; Manuel Espósito, de Protección Civil, e os tres socorristas que xa traballan na praia.
“Estes tres socorristas estarán de 12:00 a 20:00 horas ata o 15 de setembro, pero a intención do concello é contratar máis, polo que abriremos un novo prazo do 22 ao 29 de xullo”, explica Míriam Bermúdez.
A alcaldesa e responsable da área de Turismo, Maria Loureiro, apuntou pola súa parte “a importancia de ter unha praia como esta en tan boas condicións un ano máis, un reclamo para os nosos veciños e os que nos visitan”.
O concello ampliou este ano un mes o servizo de praias, ata o 30 de setembro, que inclúe a apertura dos aseos, a limpeza diaria dos areais, o desbroce do paseo marítimo en Area e Covas, os cribados e a colocación das pasarelas de acceso ás praias.