Foz, 11 de xullo, 2024. A platoforma de afectados pola suba abusiva das tarifas da Residencia e Centro de Dia de Foz “consideramos que a convocatoria por parte do Sr. Alcalde dun pleno extraordinario para aprobar as novas tarifas en plenas festas do Carme, en concreto o luns 15 véspera do día grande e ás 14,30h coincidindo coas actuacións da sesión vermut, é un acto de infamia que denigra aos Residentes e usuarios do Centro de Día e aos seus familiares nos dias da festa. Xusto cando todas as familias de Foz estan relaxadas e benavenidas participando nos actos festivos e algunhas preparando o día grande para que os seus seres queridos poidan baixar dende a Residencia a ver as alfombras e acudir aos seus domicilios á comida da festa, o Sr. Alcalde, con total alevosía, convoca este pleno para novamente intentar impoñer unha suba que se nega a consensuar cos afectados. Dende logo, non lembramos cousa igual na historia recente do noso Concello. Estamos abraiados e pensamos que a súa actitude é impropia dun Alcalde, e parece que, como estamos en festa, se quere rir dos residentes, dos usuarios do Centro de Día e das familias da lista de agarda. Neste sentido, consideramos que se trata dunha burla que atenta contra a dignidade de persoas, agora anciáns, que forman parte da xeración que traballou arreo para facer posible a sociedade na que hoxe vivimos. É este o agradecemento que merecen en datas tan sinaladas? Merece Foz estar estes días tan especiais pendente dun acto de ignominia? Dende o momento en que o Tribunal de Contratos da Xunta anulou por temeraria a contratación da nova empresa, o Alcalde, no canto de reunirse con nós e buscar un acordo satisfactorio para ambalasdúas partes, adicouse a preparar nun tempo record e incluso anticipándose a resolución do tribunal un atropelo tarifario e o que é máis grave: pola “porta de atras” empregando as festas do Carme como parapeto. Así, ten a desfachatez de instrumentalizar a favor dos seus intereses espurios as festas mais celebradas do noso Concello”.
“De todos xeitos e a pesar dos atrancos sibilinos que nos pon para que non poidamos acudir ao pleno, deixeremos a festa, e alí estaremos para expresarlle o noso desacordo con este cúmulo de despropositos e desprecios, e amosarlle que os nosos seres queridos teñen dignidade e que non imos permitir que o ritual festivo das alfombras frorais sexa un día triste para eles. Que o mellor que pode facer o Alcalde é atender a nosa petición de deixar o asunto pedente para negocialo tal e como lles demandamos a todos os grupos políticos e a Concellala de Asuntos Sociais, pois en caso contrario estaranos empurrando a un calexón sen saída que lle pode reventar cando os afectados non poidan asinar os contratos coa nova empresa por abusivos”.