“Consideramos que ven a confirmar a nosa denuncia de que o proceso do que somos vítimas carece por completo de transparencia, rigor técnico e diálogo real”
Foz, 4 de Xullo de 2.024. A Plataforma de Afectados pola suba abusiva de tarifas da Residencia e Centro de Día de Foz fai pública a súa valoración da situación á luz da paralización da nova concesión ditada polo Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia, e a resposta dada á mesma dende o Concello. “Aínda que nos resulte triste dicilo, as últimas noticias recibidas xa non nos sorprenden. Confirman a liña de conducta seguida polo alcalde ata este momento, caracterizada por unha combinación de falta de sensibilidade social e transparencia, abundancia de solucións chapuceiras, improvisación e medias verdades, e total ausencia de diálogo real cos afectados.
De novo, tivemos noticia polos medios de comunicación dun feito grave e de grande transcendencia para todos nós, usuarios presentes e futuros da Residencia e Centro de Día de Foz. E, tamén de novo, asistimos á resposta dada dende o Concello consistente en minimizar o asunto e botar balóns fora, responsabilizando a outros -neste caso á empresa que presentou o recurso-, das consecuencias dos actos do propio Concello, ao apuntar no sentido de que estamos diante dunha escura estratexia empresarial. Un suma e segue na dinámica das cortinas de fume”.
“Nós revisamos a documentación e por iso estamos seguros de que é falsa a afirmación do Alcalde de que o TACGAL lle deu a razón ao Concello nos tres recursos anteriores presentados. Só hai que repasar a detallada nota que este remitiu aos medios o pasado 22 de Maio, na cal pode lerse que, en Novembro de 2.023, o mesmo Tribunal estimou un recurso presentado pola actual concesionaria. O que selectivamente oculta a nota son as causas e as súas consecuencias, que non son menores: naquela ocasión, o TACGAL directamente anulou a concesión porque os pregos de licitación -elaborados polo Concello co asesoramento da mesma consultora que preparou o estudio de viabilidade económica-, eran contrarios á lei xeral de contratación pública”.
“Pasando por alto que, como moi ben sabe o Alcalde, o terceiro e cuarto recursos son en realidade o mesmo, agora o TACGAL anula o acordo do Pleno porque non se cumpriron as regras que para a concesión establecían os pregos. É dicir, o Concello incumpriu a súas propias normas: diante dunha puntuación moi alta, que automaticamente convertía a oferta en anómala, a Mesa de Contratación debería ter recabado unha serie de informes adicionais, o cal non fixo. Unha Mesa de Contratación na que o único representante político é D.Francisco Cajoto, algo rechamante pois, tratándose como se trata dun contrato que ronda os 10 millóns de euros, nin a oposición nin tan sequera os seus socios de goberno ou outros concelleiros do seu propio partido acompáñano na mesma: só o señor Alcalde, e ademais con moita presa por adxudicarlle o contrato á nova empresa”.
“Neste sentido, que o Alcalde sexa o único cargo electo que forma parte de dita Mesa explica moi ben que se intente minimizar a resolución do TACGAL, pois é de sentido común que a responsabilidade política só pode imputárselle de forma directa a el e suscita a pregunta de porqué tantas presas. E, ao mesmo tempo, exemplifica á perfección a falta de transparencia, rigor técnico e diálogo que vimos denunciando.
Nin que dicir ten que este novo escenario xera en nós aínda mais incerteza e inquedanza, cuns prazos para a súa resolución que nin o propio Alcalde é capaz de concretar, tal e como declarou nos medios, clara mostra da improvisación e fuxida cara a adiante na que leva embarcado dende fai máis dun ano”.
“Pero tamén é certo que, ao ser necesario que a licitación volva de novo ao Pleno municipal, ábrese a posibilidade de que se reconsideren os termos da concesión, dando nela cabida á detallada e fundamentada proposta que presentamos. Tal proposta, como é sabido, foille entregada por escrito tanto ao alcalde como ás agrupacións e executivas locais dos tres partidos con representación na corporación municipal de Foz, sendo a executiva da súa formación política a única que non realizou nin o mais mínimo acercamento a nós para analizar conxuntamente as nosas reivindicacións”.
“Diante deste clamoroso silencio, a Plataforma, ratificando a súa disposición ao diálogo, dirixirase tamén, directamente, á Concelleira de Asuntos Sociais, quen ten delegadas as competencias municipais nesta materia e desfruta de adicación exclusiva para isto, coa fin de que convoque una mesa de negociación con anterioridade á celebración do Pleno no que novamente terá de tratarse a concesión”.