Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mariña acolle a celebración de actos arredor do Día da Patria Galega con actos lúdicos, festivos e reivindicativos en Foz, Barreiros e Burela

A Mariña, xoves 18 de xullo de 2024. Galiza prepárase para a celebración do 25 de Xullo, Día da Patria Galega, que congregará en Santiago de Compostela a milleiros de persoas na manifestación que sairá da Alameda ás 12:00 e que terá continuidade con diversos actos ao longo da xornada.

Na Mariña, o BNG e Galiza Nova organizan actos en diferentes localidades da comarca, de carácter lúdico, festivo e reivindicativo. Despois dos procesos electorais vividos no último ano, “o BNG é unha forza política claramente á alza que non deixa de medrar elección tras elección e cun discurso e unha práctica coherente e transformadora, que traballa por unha Galiza forte que faga valer os nosos intereses de país e coide dos galegos e das galegas con servizos públicos, universais e de calidade, coma a sanidade, na que na comarca da Mariña levamos anos de loita fronte ao proceso de desmantelamento que leva a cabo o PP” , afirmou o responsable comarcal Antonio Veiga.

En términos semellantes pronunciouse María Carballal, responsable comarcal de Galiza Nova que afirmou tamén que “traballamos por unha Galiza en que os coidados sexan un dereito e non un negocio e en que a vivenda e a protección social estean garantidas. Unha Galiza en que a nosa lingua propia, o galego, estea viva e plenamente normalizada, e na cal a defensa da igualdade desde o feminismo e o respecto á diversidade sexan norma e non excepción”.

Sábado 20 de Xullo, XXIX Festa da Patria en Foz

Este sábado en Foz, a partir das 19:30 diante da lonxa terá lugar a XXIX edición da Festa da Patria, cos tradicionais chicharros lañados, e a actuación de Os Lambós e Dj´s Di Pacolo e compañía.

Domingo 21 de xullo, XVII Manifesta da Patria en Barreiros

O domingo 21 de xullo, na área recreativa de A Insua, celebrarase un xantar, a habitual “bonitada do Bloque”, con sesión vermú a partir das 13:00 amenizada por Dj e un grupo de música tradicional. O xantar será ás 14:30 e ao longo da xornada haberá diversas actividades.

Martes 23 de xullo, Parladoiro-Foliada en Burela organizada por Galiza Nova

O martes 23 de xullo, ás 20:00 na antiga Praza de Abastos de Burela terá lugar un parladoiro, seguido de foliada e petiscos. Na mesa do Parladoiro, que tratará sobre “O movemento feminista da Mariña” participará a escritora Lucía Ferro e a traballadora cultural Silvia Fiallega. A partir das 21:00 terá lugar a foliada.

Manifestación en Santiago de Compostela o xoves 25 de xullo

Desde o BNG animan a asistir á manifestación que partirá da Alameda compostelá á 12:00 e que rematará na Praza da Quintana, así como ás actividades que ao longo do día se van desenvolver dando continuidade ás do día 24 dentro do Festigal.
Para acudir á manifestación o BNG organiza a viaxe en bus, podendo anotarse no tfno 982 140 654 as persoas que desexen ir.

Exit mobile version