Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade organiza este sábado unha xeoruta polo pregue xigante, en Barreiros

A Mariña, 3 de xullo de 2024. A Mancomunidade de Concellos da Mariña organiza este sábado, 6 de xullo, unha xeoruta polo pregue xigante, en Barreiros. Esta actividade enmárcase dentro do programa de xeoturismo do Plan de Sostibilidade Turística, que está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

A xeoruta do pregue xigante dará comezo ás 10 da mañá e será guiada polo xeólogo Iván Rodríguez. A duración será dunhas tres horas. Os asistentes terán a oportunidade de coñecer a incrible viaxe dunhas rochas que se depositaron hai 500 millóns de anos na costa dun antigo continente do hemisferio sur para atoparse hoxe no litoral de Barreiros despois de pasar polas raíces dunha montaña tan alta como o Himalaya. As persoas que acudan a esta actividade verán os pregues que as deforman e as intrusións de magma que as atravesaron. E terán a posibilidade de contemplar como a forza do mar foi creando covas, arcos e pasadizos tan característicos deste treito de costa.

As inscricións para participar poden facerse a través da páxina web: https://amarinalucense.gal/es/geoturismo

O pasado sábado, 29 de xuño, tivo lugar a xeoruta da Marosa, en Burela. Os participantes observaron os materiais graníticos que conforman a base da paisaxe na Mariña Occidental, así como a dinámica costeira. Os asistentes, na súa totalidade, foron galegos de Mugardos, Ferrol, Pontecesures, Santiago, Bergondo, Foz e Burela.

Ademais informan desde a Mancomunidade que o Concello de Barreiros dentro do seu programa de visitas guiadas para este verán ‘Barreiros queda en ti’ organiza este domingo, 7 de xullo, outra xeoruta polo litoral barreirense, o Concello de Ribadeo ao abeiro da programación Ribadeo a contrapunto ten programada a xeoruta dos Arcos nas Catedrais para o sábado, 6 de xullo, pola mañá e o Concello de Burela no contexto de Burela en Ruta desenvolverá a Xeoruta da Marosa na tarde sábado e o domingo, día 7, a do Perdouro, todas guiadas por Fran Canosa. Comezan así estes concellos da Mariña coa súa interesante e variada oferta de visitas guiadas, entre elas as xeorutas coas que descubrir e coñecer o patrimonio xeolóxico destes concellos.

Exit mobile version