Site icon Crónica3.com A Mariña

A Escola de Música de Burela celebra este venres o concerto de clausura do seu curso interdisciplinar co conto musical ‘Antón e Xía’

O alumnado do curso recibiu a visita de Silvia Rozas, natural de Burela e frautista principal da Ópera de Hannover, que impartiu un obradoiro de frauta

Burela, 4 de xullo de 2024. A Escola Municipal de Música de Burela celebrará mañá, venres 5 de xullo, o concerto de clausura do seu Curso Interdisciplinar. Nel, o alumnado do curso interpretará o conto musical ‘Antón e Xía’, ás 13:00 no auditorio da Casa da Cultura de Burela.

A frautista principal da Ópera de Hannover, a burelá Silvia Rozas Ramallal, vén de impartir un obradoiro de frauta como parte do curso. Nel compartiu co alumnado tanto os seus consellos e técnicas como a súa experiencia como música profesional, de cara á celebración do concerto final.

A moza burelá conta cunha traxectoria moi destacada, xa que foi membro tamén da Orquestra Sinfónica de Galicia, da Xove Orquestra da Unión Europea e da Ópera de Berlín, e ten participado en prestixiosos certames internacionais.

A frautista deu os seus primeiros pasos na Escola de Música de Burela, da que pasou ós conservatorios de Vilalba e Viveiro. Logo seguiu coa súa preparación na Coruña, de onde deu o salto cara a Alemania, primeiro a Berlín e logo a Hannover.

“Para nós, contar con alguén coma Silvia Rozas é un privilexio, agradecemos fondamente a súa implicación”, sinala o concelleiro de Educación e Xuventude e responsable da Escola Municipal de Música, Mario Pillado.

“Como prometéramos cando a recibimos o ano pasado, era moi necesaria esta colaboración, que dá valor ó curso que se está a celebrar na nosa Escola de Música”, afirmou o edil.

Exit mobile version