Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación dota á veciñanza de Trabada dun novo centro social na parroquia de Abres

Este local de reunión, no que se realizarán diversas actividades, terá unha tipoloxía rectangular e as estancias distribuiranse nunha única planta de aproximadamente 126 metros cadrados

Lugo, 30 de xullo de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Trabada, Rubén García Freije, asinaron este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, un convenio entre a institución provincial e este Concello mariñán para impulsar a construción dun centro social no núcleo urbano da Ría de Abres, a única parroquia trabadense que non dispón dun local destas características. Nesta liña, a Deputación, que realiza unha achega económica de 190.000 euros, e a institución local, que destina algo máis de 6.000 euros para este proxecto, dan resposta a unha demanda veciñal moi solicitada.

O mandatario provincial enmarcou esta colaboración económica “no compromiso que mantemos desde a institución provincial coa cooperación con todos os concellos da provincia. Este proxecto é a mostra de que atendemos as necesidades dos nosos veciños e veciñas e seguimos dotando ao rural de servizos de calidade que melloren o día a día da poboación”.

Pola súa banda, Rubén García agradeceu o apoio da institución provincial para “facer realidade este espazo de reunión situado na Ría de Abres, o segundo núcleo máis poboado do concello de Trabada e no que vive gran parte da veciñanza do municipio. Este centro social albergará diferentes actividades que permitirán fomentar a integración entre as diferentes xeracións, ao tempo que se potenciarán as relacións entre a veciñanza”.

O proxecto contempla a construción dun centro social nesta zona residencial, que terá unha tipoloxía rectangular cunha única sala. As estancias distribuiranse nunha planta de aproximadamente 126 metros cadrados e contará cun salón social, aseos, entrada e circulacións, almacén e un acceso exterior pavimentado.

Exit mobile version