A Deputada Carmela López visitou este luns o Concello mariñán, onde mantivo un encontro co Alcalde e os integrantes da asociación para facerlles entrega do convenio asinado entre a institución provincial e a entidade para impulsar diferentes actividades
López Moreno enmarcou esta colaboración “no compromiso que temos na Deputación de colaboración cos Concellos, de reforzar o tecido asociativo da provincia e de dinamizar o rural”. Explicou ademais a Deputada que esta achega serviralle aos Aturuxeiros de Bravos para continuar o seu “importantísimo labor” de organización de actividades, xornadas lúdicas, xogos, competicións ou obradoiros “cos que promoven a asistencia e a participación da xente da parroquia, dos veciños e veciñas de Ourol e tamén de todas as persoas que visitan este concello”.
Concretamente, a achega da institución provincial servirá, entre outras cuestións, para desenvolver unha xornada que terá lugar o vindeiro 21 de xullo con xogos tradicionais, unha actuación musical e unha posta en común e recollida de tradicións, oficios e curiosidades da historia da parroquia.