Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación capta máis de 1,2M€ de Fondos Europeos para a modernización dos padróns municipais da provincia

“Esta nova concesión dunha axuda económica tan importante vén a demostrar a capacidade que temos dende a Deputación de Lugo para conseguir fondos da Unión Europea, como xa demostramos co IMPULSA TIC”, indicou Rivera Capón

Lugo, 26 de xullo de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres aceptar un investimento demáis de 1,2€ de Fondos Europeos para desenvolver un novo proxecto que servirá para a modernización dos padróns municipais da provincia. Así o informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que o Ministerio de Política Territorial comunicou a súa decisión de conceder á institución provincial 1.260.000€ para desenvolver o proxecto XEOPADRÓN.

Rivera Capón indicou que estes fondos, que forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado polo Goberno do Estado, beneficiarán aos 67 concellos da provincia e permitiranlles seguir mellorando o funcionamento dos propios Concellos e prestar así un mellor servizo público aos veciños e veciñas.

“O que imos levar a cabo con esta importante dotación económica é a revisión en profundidade da información que o Instituto Nacional de Estatística ten en cada concello sobre os habitantes empadroados e as súas vivendas”, detallou. “En concreto, poñeremos en marcha un novo sistema de xestión da información sobre os territorios de ámbito municipal, revisando os datos do padrón que ten cada concello e contrastándoos cos que dispón o Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, o INE contará cunha información depurada, contrastada, veraz e actualizada en relación aos habitantes de cada municipio”, avanzou o Deputado.

Nas súas palabras destacou que “a concesión desta axuda económica vén a demostrar a capacidade que temos dende a Deputación de Lugo para conseguir fondos da Unión Europea”. Lembrou que actualmente a institución provincial ten en marcha diferentes proxectos grazas a que captou máis de 4M€ deste mesmo plan para o programa IMPULSA TIC, co que “levamos a cabo actuacións tan relevantes como integrar a administración electrónica dos concellos cos servizos da Administración Xeral do Estado, implantar postos de traballo intelixentes que permiten mellorar a resiliencia dos municipios, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro, implantar un sistema de gravación nos plenos dos concellos da provincia, ou mellorar a accesibilidade das páxinas webs municipais, aumentando así a transparencia dos concellos”. Tamén lembrou outros programas como o ACELERA PEME, co que “prestamos asesoramento a empresas da provincia en cuestións de dixitalización”.

Exit mobile version