Site icon Crónica3.com A Mariña

A Copa Deputación de Piragüismo chega este domingo á Ría de Ribadeo

O Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo organiza a proba, que conta con máis de 175 palistas inscritos

Lugo, 4 de xullo de 2024. A Ría de Ribadeo acollerá este domingo a segunda regata da Copa Deputación de Piragüismo, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa participación dos clubs e da Federación Galega de Piragüismo.

O Club de Piragüismo Altruán de Ribadeo é o organizador desta proba na que se prevé a participación de 175 palistas de diferentes categorías desde prebenxamín ata xuvenil dos seis clubs de augas tranquilas da provincia -Club Kayak de Foz, do CP Urban Hotel Viveiro, CP Altruán de Ribadeo, CP San Ciprián, Club Fluvial de Lugo e Cidade de Lugo-. As saídas comezarán ás 16.30 horas e faranse de forma escalonada, por categorías sendo as saída de infantís ás 16.55h, alevíns ás 17.45h. e, por último, a saída das categorías xuvenil e cadete será as 18h.

A competición organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.

Cada regata é organizada por un club, facilitando así que a actividade deportiva pero tamén económica e social que xeran as probas, se distribúa por toda a provincia, especialmente, na comarca da Mariña, onde se concentran catro das probas.

O Vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro convidou aos afeccionados e afeccionadas a seguir a regata e animar ás novas promesas do piragüismo. “Desde a área provincial de Deportes tratamos de apoiar ese esforzo de forma integral, dando soporte económico a competicións como a liga provincial e impulsando tamén iniciativas formativas nos propios clubs e nos centros educativos”, explicou.

Exit mobile version