Site icon Crónica3.com A Mariña

A Cámara de Comercio de Santiago organiza este luns 22 unha sesión informativa do programa Erasmus para emprendedores/as coa Asociación de Comerciantes do Centro Histórico de Viveiro

No marco do programa “Erasmus para Mozos e Mozas Emprendedores/as” da Unión Europea e por mor do seu 15 aniversario, a responsable do programa na Comisión Europea e un dos emprendedores recoñecidos polo mesmo como caso de éxito presentarán o programa a entidades, empresas e asociacións da Mariña lucense

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2024. A Cámara de Comercio de Santiago organiza o vindeiro luns 22 de xullo, unha sesión informativa do programa “Erasmus para mozos e mozas emprendedores/as” coa Asociación de Comerciantes do Centro Histórico de Viveiro e co apoio
do Concello de Viveiro.

O programa EYE cumpriu o pasado mes de marzo quince anos de vida acadando neste tempo xa máis de doce mil intercambios empresariais en Europa. A máxima responsable do programa na Comisión Europea, Natalia Martínez-Páramo, estará na Sala Multiusos do Concello ás catro da tarde para dar a coñecer as vantaxes que o programa ten para pemes e como se pode participar nel. Contaremos coa experiencia directa de Luis Carreira, do agroecoturismo e granxa Arqueixal en Palas de Rei, quen contará a súa experiencia como caso de éxito no programa.

O programa está aberto a pemes, emprendedores/as, asociacións, fundacións e outro tipo de entidades que queiran beneficiarse do intercambio de experiencias, coñecementos e boas prácticas acollendo un emprendedor/a ou dono/a de peme con menos de tres anos de experiencia quen ven por medio dunha estancia subvencionada pola Comisión Europea noutro país europeo. Este programa ofrece múltiples oportunidades de colaboración entre empresarios/as e emprendedores/as en Europa que se benefician dun apoio para o desenvolvemento dos seus negocios e a oportunidade de explorar novos mercados da man de mozas que á súa vez, aprenden da súa experiencia para mellorar as súas habilidades e consolidar as súas empresas.

Exit mobile version