O concerto foi presentado pola concelleira de Turismo, Marta Saiz, e despois a Banda ribadense interpretou estas pezas: Banda Galega, de Felisindo Pérez Seara; Alborada de Celanova, de Francisco Landín; Marcha Triunfal de Aida, de Giuseppe Verdi; O Chopo, de Manuel Iglesias; Destellos del Alba, de Ferrer Ferran; A Fiada, de José Lodeiro; Latin Gold, arranxada por Paul Lavender; A Cova do Rei Cintolo, de Frank J. Cogollos; e Rapsodia Galega nº 1, de Enrique García Rey. De bis tocaron a Muiñeira das Comadres, de Simón Couceiro, e rematou o concerto co himno galego.
O director da Banda de Ribadeo agradeceu ao público a asistencia e os aplausos, recordou que tal día como o de onte hai 15 anos fíxose cargo da Banda e comentou que a peza coa que empezaron este concerto foi a primeira que dirixiu coa Banda de Ribadeo e explicou que decidiu empezar esta actuación desta maneira “para rememorar aqueles tempos”.
David Ballester destacou ademais: “durante estes 15 anos foi moita a xente que me axudou a que isto fora para adiante, aos que quero agradecerllo; aos que ao principio confiaron en que eu me podía facer cargo da Banda Municipal de Música de Ribadeo, tanto do Concello -naquel momento era concelleira Mari Luz Álvarez Lastra- como da asociación Amadores da Música, que é a que se fai cargo da Banda en gran parte. A todos os presidentes que pasaron quero darlles as grazas por aturarme porque ás veces igual son un pouco pesado con algunhas cousas”.
Ballester engadiu que “ao final o menos importante é o director, os importantes son os músicos porque son os que fan que a Banda día a día funcione e soe así. Para min é un orgullo levar 15 anos dirixindo a Banda e gustaríame seguir algún aniño máis”. Ademais pediu un aplauso para os músicos “polo traballo que fan e por aturarme”, e tamén ao técnico municipal Alberto Moledo, quen lle entregou un ramo de flores en nome dos integrantes da Banda polos 15 anos que leva de director.