Ata o próximo 11 de xuño todas aquelas persoas que desexen participar da romaría poderán anotarse no Concello para obter a Ventura e a flor do San Antonio ó concluír o camiño. Para anotarse poden chamar ao teléfono: 982592001 ou escribir un correo electrónico a: lucia@xove.es
Como cada ano, os/as romeiros/as irán identificados/as cun carné de romaxe que poderán recoller no Concello antes da romaría, e irán selándoo nos puntos habilitados ata chegaren á igrexa. Nesta edición, como se agarda un gran número de romaxe, e moitas persoas con diversidade funcional, decidiuse dende o Concello de Xove (co apoio da Comisión de Festas) que NON se usarán BOMBAS DE PALENQUE durante os actos da romaría. Esta iniciativa tamén foi apoiada pola romaxe que acode cada edición cos seus animais de compañía, que tamén suman unha cifra maior cada ano.
No traballo de investigación para a recuperación da romaría realizado no 2009 identificáronse ata oito rutas para chegar á igrexa, que a romaxe seguía dependendo da súa procedencia. As rutas están sinalizadas con frechas e con paneis informativos ao inicio de cada unha delas, e a súa elección depende de cada romeira/o. Aínda que a maioría prefiren saír do centro de Xove sobre as 10:00 ou 10:30 da mañá, para chegaren á primeira misa dos romeiros ás 13:00h.
Nesta ocasión a Comisión de Festas volve organizar un Xantar Popular composto por: lagostinos, churrasco, chourizo, tarta xeada e café, por 30€, para o que haberá que anotarse antes do 10 de xuño nos teléfonos 669 896 848 e 608 696 677