O Concello de Burela ofrece rutas guiadas a A Marosa, O Perdouro e O Cantiño, así como visitas para coñecer elementos patrimoniais ou relacionados co mundo da mar dentro da vila
Burela, 11 de xuño de 2024. O Concello de Burela organiza un ano máis o programa “Burela de Ruta”, con numerosas actividades que inclúen visitas guiadas e xeorutas ó longo dos meses de verán para coñecer os atractivos patrimoniais e xeolóxicos da vila.
Haberá tres xeorutas distintas, A Marosa, O Perdouro e O Cantiño, e entre os meses de xullo, agosto e setembro organizaranse un total de vinte rutas guiadas, todas con saída dende a Oficina de Turismo, con prazas limitadas e reserva necesaria con sete días de antelación.
A ruta da Marosa e a do Cantiño, de 7,8 e 6,4 quilómetros, son de dificultade baixa, mentres que a do Perdouro, que percorre o conxunto de dobramentos mellor conservado de Galicia, é de dificultade media, cun percorrido de 3,2 quilómetros.
Na propia vila tamén haberá a posibilidade de disfrutar de visitas guiadas ó Barco Museo “Reina del Carmen” de martes a domingo ou á “Ruta do Peixe”, que permitirá descubir na Lonxa ABSA a primeira subasta oral automatizada do mundo.
A Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns “A Moncloa” tamén ofrecerá visitas guiadas, así como Conservas Faro de Burela, que permite coñecer as súas instalacións e produtos. A visita “Máis alá do mar” invita a descubrir a Burela rural e a Igrexa Vila do Medio.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, convida “á veciñanza e a todas aquelas persoas que visiten a vila a participar nestas actividades para coñecer mellor os seus atractivos turísticos”.
A rexedora destacou “o gran traballo levado a cabo pola Concellería de Turismo para poñer en marcha este programa, así como o da Oficina de Turismo”. Pódese solicitar máis información sobre o programa na propia oficina ou no teléfono 982 888 506.
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, sinalou que “estas rutas poñen en valor tanto o patrimonio material como inmaterial do municipio, facendo que sexan atractivas tanto para visitantes como para a veciñanza”. “Ademais, como pobo mariñeiro que somos, poñemos nelas en valor o traballo do sector do mar”, engade.
“Dende a Concellería de Turismo seguimos apostando por unhas rutas que están tendo un gran éxito, e así o confirman as cifras, pois o número de visitantes vai subindo ano tras ano”, afirma o edil.
“As expectativas para este verán son boas, polo que agardamos que o turismo continúe medrando en Burela”, subliña Fernández Rey. “Seguiremos dándolle continuidade ao traballo feito nos últimos anos, que tantos bos froitos está dando”, conclúe.