Viveiro, 3 de xuño de 2024. A concellería de Medio Rural de Viveiro pechou co sector forestal local unha ordenanza consensuada que protexerá os viais da vila nas sacas de madeira.
“Unha ordenanza consensuada ao 100% co sector forestal, unha garantía para non estropear os viais, xa que se asegura a reposición dos mesmos cando se deterioren como consecuencia da actividade forestal”, explica o concelleiro de Medio Rural, Ramón Martínez.
“Fíxose unha modificación no texto da ordenanza anterior”, engade Martínez, “e esta modificación, esta ordenanza, non é a única actuación impulsada desde a concellería, pois unha vez aprobado o texto queremos continuar falando co sector para mellorar as infraestruturas na medida do posible, xunto coa creación de acopios para que se mellore a sua actividade e tamén se protexan os viais, escollendo os lugares de traballo”.
“Mantivemos nos últimos meses varias reunións co sector, buscando unha coordinación e un contacto permanente entre os diversos axentes implicados para que, na medida do posible, todo o mundo poida realizar a súa actividade sen que comprometa a ningunha das outras partes”, remata Ramón Martínez.