O ano de goberno do Partido Popular en Ribadeo pódese resumir nun ano de retrocesos.
Retrocesos nas políticas de igualdade, como a polémica viaxe do 8M ou as malas xestións dos Puntos Lilás, ou, o que é máis grave aínda, a redución do orzamento desta área á metade.
Retrocesos nas ferramentas legais para a defensa dos propietarios forestais coa eliminación da obriga de depósito de fianza para os madeiristas.
Retrocesos en canto á privatización de servizos públicos básicos, regalándolle miles de euros a empresas privadas.
Retroceso en valores democráticos, convertendo o Concello nunha axencia de colocación de amigos, familiares e militantes do PP a través desas empresas amigas, que reciben o diñeiro de todos e todas nós. Sería, este último, o único punto no que poderíamos falar de avance, pero para uns poucos afortunados con carné.
Un ano de retrocesos na falta de planificación de podas, sega, ou limpeza. Seguro que nisto ten que ver a inexistencia dos famosos Plans de limpeza ou o Plan Director de Poda, puro fume. Animo aos ribadenses a que acudan ao Concello a solicitar información sobre eles. Neste descontrol só hai que dar un paseo polo concello e ver como se atopan as zonas rurais. Agora, nalgúns casos, nin para as festas se roza.
Un ano de retrocesos sen avance de inversión e sen obras importantes para Ribadeo.
Retrocesos e improvisación como a creación da liña continua da zona de Vilar, anunciada a todo bombo en prensa, e da que non volvemos saber nada.
Improvisación como a colocación do mamotreto de mármore que xa nos costou a todos os ribadenses 6.500€, á espera da ubicación definitiva.
Improvisación e retroceso no mantemento do Campo de fútbol municipal coa brillante idea de deixar de pagar a unha empresa especializada en mantemento. En tan só un ano, chegamos ao fito de ter que pechar os campos de fútbol municipais un mes enteiro para a práctica deportiva; o nunca visto.
Un ano de retrocesos polo gasto descontrolado en propaganda para asegurarse novas nos medios ou contido audiovisual favorable. Notas de prensa repetitivas que se envían dúas, tres e até catro veces sobre un mesmo asunto para simular traballo e iniciativas. A poderosa e acusadora hemeroteca.
Un ano de retrocesos pola utilización da mentira como ferramenta política: as famosas “xestións” inexistentes para a restauración do servizo de pediatría.
Un ano de retrocesos co abandono das obras de reforma do Hospital-Asilo, con tan só un 4% do orzamento executado a 1 de maio e cos usuarios lonxe da casa.
Un ano de retrocesos por deixar o Concello sen aforros en 10 meses, gastando miles e miles de euros do Remanente en festa, comilonas e autobombo.
En definitiva, un ano perdido para Ribadeo, e con consecuencias para varios anos.
En fronte, un BNG de Ribadeo renovado, cunha mistura de experiencia e xuventude, que aceptou rapidamente o resultado das urnas e que se puxo a traballar para ser a alternativa a este desgoberno.
Temos un proxecto claro, firme e decidido. Máis alá de fobias, e a pesar do que digan agora desde o goberno do PP nun intento de borrar o pasado e todo o traballo feito, sabemos que o lugar para facer o campo de herba artificial é o que levábamos no programa. O lugar debe ser o anexo ao campo de fútbol municipal.
Sabemos tamén que é necesario e responsable manter uns aforros no Concello para facer fronte a posibles continxencias e imprevistos, así como para poder levar a cabo inversións propias.
Sabemos que as obras do Hospital Asilo tiñan que avanzar a bo ritmo, tal e como deixou o anterior equipo de goberno do BNG o proxecto, financiado e listo para executarse, sen retrasos.
Imos falarlle á xente con franqueza, sen mentiras nin fume.
Ribadeo merécese máis.
Martín Graña, concelleiro do BNG de Ribadeo.