Realizáronse obras de reposición de elementos, como barandas ou escaleiras, e adecentamento das zonas de uso público
Nas últimas semanas foron realizadas as obras de reposición de firme e escaleiras que sufriran desperfectos durante o inverno a causa da meteoroloxía, una vez que o terreo foi recuperando estabilidade ao reducirse as choivas. Igualmente, realizáronse as labores de mantemento da pista de acceso, arranxando os desperfectos do inverno.
Ademais, comezaron tamén os traballos de desbroces e limpeza das zonas de uso público, de cara a retirar especies alóctonas ou restos de vexetación que invadía os mesmos.
As obras realizadas foron executadas pola empresa Excavaciones Ramsei, SL cun importe de 7.865€. Este investimento vén a sumarse ao realizado nos anos 2021 e 2022, tanto no espazo como no camiño de acceso, ascendendo o total do investimento a máis de 13.000€.
A alcaldesa, Ana Ermida, manifestou “o esforzo de investimento que se vén realizando neste espazo desde o 2019, cando se volveu a realizar o mantemento e investimento polo Concello, conscientes da importancia social, cultural e medioambiental que posúe e o simbolismo que ten na veciñanza de Barreiros”.
A rexedora sinalou tamén que se está a realizar por parte da Mancomunidade da Mariña un estudo de carga do espazo, “conscientes da fraxilidade do mesmo e dos perigos que unha excesiva ocupación pode conlevar”.
Neste sentido, Dámaso Ratoeira lembrou que se teñen sinalizado tanto no acceso principal como no inicio da ruta os perigos existentes e as recomendacións de visita, incidindo na educación ambiental e no respecto a un entorno cun valor ecolóxico importantísimo.” Como exemplo citou a “cantidade de especies de fentos existentes nun espazo tan reducido, só superado en cantidade polas Fragas do Eume, cunha dimensión moito maior”.
Desde o Concello de Barreiros convidan a visitar este espazo con consciencia do lugar que se vai atopar, cunhas condicións de acceso determinadas e cunha necesidade de coidado e respecto fundamentais para a súa conservación, utilizando exclusivamente os sendeiros marcados para a visita. As persoas visitantes poden atopar toda a información en tres paneis colocados na zona de entrada á capela e ás mesas da área de descanso.