Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres novos ciclos na oferta formativa do vindeiro curso no CIFP Porta da Auga

Ribadeo, 24 de xuño de 2024. Na oferta educativa do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, para o curso 2024-2025 hai tres novidades: os ciclos de grao superior en asistencia á dirección, a distancia; en animación sociocultural e turística, este último en horario de tarde; e en automoción, de dual intensiva e tamén en horario de tarde. O prazo de admisión para estas e outras formacións está aberto desde hoxe, luns 24 de xuño, ata o 4 de xullo e no centro axudan ás persoas interesadas a cubrir a súa solicitude.

O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, explica: “para o vindeiro curso académico, 2024-2025, seguimos a ofertar ciclos formativos das especialidades de Administración, Edificación, Electricidade, Automoción e Servizos á Comunidade. En modalidade presencial pódense cursar ciclos básicos de Servizos administrativos e de Mantemento de vehículos; grados medios de Xestión Administrativa, Atención a persoas en situación de dependencia e Electromecánica de vehículos automóbiles; e ciclos superiores de Administración e finanzas, Educación infantil, Automoción e, como novidade, Animación sociocultural e turística, que se impartirá en horario de tarde, de 16:00 a 21:30 horas”.

Isidro Berdeal engade: “en modalidade a distancia seguimos a ofertar o ciclo medio de Xestión Administrativa e, como novidade, teremos tamén o ciclo superior de Asistencia á dirección, que, por exemplo, permite ao alumnado que xa teña cursado anteriormente o ciclo superior de Administración e finanzas sacar unha segunda titulación en só un curso académico. E en oferta modular presencial seguimos a ofertar o ciclo medio de Obras de interior, decoración e rehabilitación; e tamén o ciclo superior de Sistemas electrotécnicos e automatizados, ambos en horario de tarde, de 17:00 a 22:30 horas”.

Ademais, en modalidade dual o Porta da Auga continuará impartindo o ciclo medio de Instalacións eléctricas automáticas, en horario de mañá; e pola tarde, como novidade, oferta o ciclo superior de Automoción.

E Berdeal remata anunciando que o CIFP ribadense “volve contar cunha formación que foi novidade no curso pasado: de especialización de grao superior en Mantemento e seguridade de sistemas de vehículos híbridos e eléctricos, que permitirá ao alumnado especializarse neste tipo de automóbiles e que se imparte en horario de 17:00 a 21:30 horas”.

Exit mobile version