Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo ofrecerá este verán 13 visitas guiadas

Ribadeo, 20 de xuño de 2024. A Área de Turismo incrementa a súa oferta en visitas guiadas e este ano contará con 13 roteiros diferentes, poñendo en valor espazos que ata o de agora non estaban tan presentes, como é o caso do Forte de San Damián.

A concelleira de Turismo, Marta Saiz, explicou que “poñemos en marcha esta visita ao Forte de San Damián aproveitando a celebración do 400 aniversario da súa creación. Terá lugar todos os luns a partir do 1 de xullo. E co afán de poñer en valor o Camiño de Santiago e o Santuario de Nosa Señora das Virtudes retómanse as visitas a esta capela, que alberga un dos conxuntos de pinturas murais tardomedievais máis importantes de Galicia. Ésta poderase visitar os domingos ás 11:30 da mañá”.

A edil ribadense contou que “a estes percorridos que toman protagonismo, súmanse as xa coñecidas visitas guiadas polo centro, as xeorutas e as visitas teatralizadas, que ano tras ano acadan todas elas un gran éxito, podendo disfrutar así cada día cunha visita guiada diferente”.

Saiz indicou que “o mércores será a quenda do Ribadeo Indiano, un paseo guiado para coñecer a historia viva da pegada da emigración a ultramar. No Ribadeo Antigo mostrarase a parte da muralla e o entramado de rúas que prevalece da época medieval. Estas visitas serán os venres. Xa na fin de semana o protagonista será o Ribadeo Ilustrado, que nos levará á época de esplendor do porto comercial, cuxa figura protagonista é Raimundo Ibáñez”.

A concelleira de Comercio e Turismo dixo que “a estas súmanse tres visitas teatralizadas: unha polo Ribadeo Ilustrado que terá lugar os xoves ás 20.30 horas a cargo do grupo de teatro Os Quinquilláns; e as visitas teatrais ao Ribadeo Indiano durante a fin de semana: o sábado ás 12 horas con Suso Martínez, guía-actor, e o domingo ás 20:30 horas con Susana Álvarez, actriz ribadense”.

Marta Saiz declarou: “por último, falando da importancia do patrimonio natural e concretamente do xeolóxico organízanse 4 xeorutas: a da ría para descubrir a súa orixe e a súa evolución; a dos Pregues, unha das maiores estruturas xeolóxicas da Mariña Lucense, o gran pregue que se estende dende a ría de Foz ata a de Ribadeo; a dos Ollos, un dos tesouros xeolóxicos do treito litoral do famoso pobo mariñeiro de Rinlo; e a dos Arcos, nunha visita onde se localiza o conxunto de arcos rochosos máis importante da Península Ibérica”.

Saiz engadiu que “todas estas visitas serán de balde, pero con prazas limitados. Para formalizar a reserva, deberán entrar na sección de Momentos da páxina web turismo.ribadeo.gal. Tamén poden conseguir máis información chamando ao teléfono 982 128 689”.

A edil tivo palabras de agradecemento para as empresas locais: “dende o Concello queremos agradecer á empresa privada, xa que o noso destino turístico ten o privilexio de contar cunha gran variedade de empresas de turismo activo e asociacións deportivas que ofrecen interesantes opcións para descubrir e gozar do noso entorno, como paseos en barco, aluguer de embarcacións, o Laberinto de Rinlo, o tren turístico, motos de auga, aluguer de bicis ou canoas, piragüismo, etc… ás que se suma este ano a posibilidade de facer paseos en barco ata a praia das Catedrais. Esta tempada estival prevense bos datos de afluencia e Ribadeo está preparado para poñer en valor o seu patrimonio cultural e natural de forma didáctica e atractiva”.

Exit mobile version