O concelleiro de Medio Ambiente, Diego Dos Santos, contou que “os datos de 2023 en Ribadeo son destacables respecto aos datos galegos e estatais. En envases recolléronse 38 kg/habitante cando a media estatal é de 20,4 e a galega de 15,1. E en papel-cartón recolléronse 31,1 kg/habitante cando a media estatal é de 19,6 e a galega 15,2”.
O edil ribadense subliñou que “en envases dobramos a media estatal, que é superior á galega, e en papel-cartón estamos un 60% por riba da media estatal, dobrando a media galega”.
Dos Santos contou que “tamén se debe destacar que a porcentaxe de impropios recollidos nestes contedores, é dicir, residuos que non deberían de ser depositados nos mesmos, cumpren cos criterios esixidos por Ecoembes. Deste xeito, podemos afirmar que se recolle unha gran cantidade de residuos de envases e de papel-cartón en Ribadeo cunha moi boa calidade, o que facilita o seu proceso de reciclaxe”.
E engadiu: “agradecer ás veciñas e aos veciños estes bos datos. Iso si non debemos baixar a garda mantendo un comportamento cívico en canto á xestión de residuos co fin de ter un Ribadeo limpo: cumprir cos horarios de depósito do lixo, empregar bolsas pechadas, non depositar residuos na vía pública, etc”.