Viveiro, 27 de xuño, 2024. A Praza de Abastos de Viveiro, que sempre foi o mercado emblemático da nosa cidade, non pasa polo seu mellor momento. Conta con doce locais como posibles puntos de venta, dos que a día de hoxe e despois dos últimos peches, unicamente cinco están abertos o publico, tres peixarías, unha froitería e unha tenda de ultramarinos, sendo a oferta cada vez menos variada.
O equipo de goberno anunciou no pleno do 4 de outubro de 2023, contestando a unha moción presentada polo PP, a disposición a acadar a denominación de Mercado Excelente para a Praza de Abastos de Viveiro, nove meses despois estamos na mesma situación e non se coñecen avances significativos. O desanimo dos praceiros con postos de venta abertos e cada vez mais evidente, pois ven moi complicado o futuro da praza.
Por todo o exposto, rogamos ao equipo de Goberno a realización das xestións necesarias para unha rapida licitación dos postos vacantes na Praza de Abastos de Viveiro.
Camiño da Estación
O firme do Camiño da Estación está moi deteriorado e con numerosas fochancas, como se pode ver nas imaxes que se xuntan, feito que dificulta notoriamente a circulación, principalmente no tramo en curva.
Por todo o exposto, rogamos ao equipo de Goberno a realización das xestións necesarias para o arranxo das mencionadas deficiencias do Camiño da Estación.
Sinais informativos da Variante
Traemos de novo a pleno este rogo, presentado por primeira vez no mes de xuño de 2022. Como se pode ver nas imaxes que se xuntan, os sinais informativos situados na variante de Viveiro, están totalmente ocultos nas árbores da beirarrúa da estrada LU-862, camuflaxe que dificulta que os sinais cumpran co obxectivo para o que foron instalados.
Por todo o exposto, rogamos ao equipo de Goberno a realización das xestións necesarias para a reubicación dos devanditos sinais nunha zona mais visible.