Site icon Crónica3.com A Mariña

Pensamento e Sementeira de Viveiro promove unha andaina, coincidindo co inicio do solsticio de verán

Viveiro, 19 de xuño, 2024. O Colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro promove unha actividade, coincidindo co inicio do solsticio de verán, vinculada á festividade do San Xoán.

Será unha andaina duns 6km aproximadamente e unha duración aproximadamente dúas horas con saída e chegada á Praza Maior. A dificultade da ruta é considerada media/baixa. As prazas están esgotadas, era precisa a inscrición previa.

Farase da man do impulsor da iniciativa Prato_Do, Lucas Requejo, que fará de guía durante o roteiro e dará boa conta da econoloxía do noso concello. Tamén descubriremos parte do patrimonio natural da vila ao son do Río Landro.

O roteiro sairá da Praza Maior o día 22 de xuño ás 10:30. Dende alí, iremos ao son da Ría de Viveiro polos Xardíns de Noriega Varela ata a ponte da Variante, onde enlazaremos co camiño das Aceas ata o hórreo de Xunqueira. Subiremos ao son do Mosteiro de Valdeflores ata chegar á Ruta dos Muiños. Deixando atrás os saltos de auga, continuaremos polo Camiño do Real ata chegar á Porta do Valado que nos conduce de novo á Praza Maior.

Co fin de dinamizar a vida cultural de Viveiro, o colectivo quere recuperar tradicións, ritos e crenzas da cultura galega para darlles visibilidade e que non se perdan co paso do tempo. Queremos facer partícipe á xente de Viveiro dunha das tradicións máis coñecidas de Galicia como é a recollida das herbas de San Xoán.

Queremos recordar a toda a cidadanía que estamos abertas para sumar novas socias e chamamos ás diferentes asociacións, colectivos e institucións a colaborar para facer de Viveiro unha vila con vida cultural, tradicións, historia e memoria. Podedes poñervos en contacto con nós a través das RRSS ou no correo colectivosementeira@gmail.com .

Exit mobile version