Site icon Crónica3.com A Mariña

Pedro Blanco destaca na Pontenova o avance do Pirep Local coa concesión de máis de 27,3M€ do Goberno a concellos galegos

O delegado subliñou a aposta do Goberno polo municipalismo a través do programa PIREP local do Plan de Recuperación, que permitirá acondicionar e mellorar a eficiencia enerxética en edificios de 33 concellos galegos

A Pontenova, 17 de xuño de 2024. O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, subliñou na Pontenova a importante pegada que están a deixar nos concellos os proxectos de acondicionamento e mellora da eficiencia enerxética dos edificios públicos para os que o Goberno destinou 27,3 millóns euros a través do Programa PIREP. Pedro Blanco destacou o esforzo por cumprir cos prazos de execución e anunciou que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana permitirá que os concellos beneficiarios do programa podan solicitar antes do 30 de setembro unha ampliación do prazo de xustificación das subvencións da Liña 1.

O delegado do Goberno explicou esta nova nunha visita ao concello da Pontenova acompañado polo alcalde, Darío Campos, onde supervisou as obras de rehabilitación enerxética e acondicionamento interior das oficinas municipais, “un proxecto ao que se lle adxudicaron máis de 300.000 euros”. “Comprobamos que concellos pequenos do rural están a aproveitar estes fondos para mellorar as súas instalacións e prestar un mellor servizo á cidadanía, grazas á iniciativa dos seus alcaldes e alcaldesas de buscar métodos de financiamento que redunden positivamente no seu pobo”, aseverou o delegado.

Pedro Blanco explicou que “somos coñecedores das dificultades que atravesan algúns concellos para dar cumprimento á finalización das obras”, aclarando que “a vontade do Goberno é facilitar o traballo e resolver problemas, polo que o Ministerio vai atender cada situación de xeito individualizado e estudando caso por caso, sempre que se realicen solicitudes motivadas para esta ampliación dos prazos”.

O delegado rematou destacando a aposta do Goberno polo municipalismo, “que permitirá acondicionar e mellorar a eficiencia enerxética en edificios de 33 concellos galegos a través do programa PIREP local do Plan de Recuperación”.

PIREP A Pontenova

As actuacións que se están a realizar con cargo ao Pirep na Pontenova avanzan a bo ritmo, coa mellora do illamento térmico da fachada cun panel ríxido de polistireno expandido. Ademais, acometerase a renovación da carpintería exterior, a substitución das luminarias existentes de todas as plantas por lámpadas LED de baixo consumo, a instalación dunha nova caldeira para a calefacción, así como o repintado de todas as estancias e renovación das baixantes e dos canlóns exteriores.

Estas obras axudarán a mellorar a eficiencia enerxética e a sustentabilidade ambiental, garantindo a redución de máis do 35% do consumo de enerxía primaria non renovable, a accesibilidade, a habitabilidade e a conservación deste edificio público municipal.

Exit mobile version