A Mariña, 13 de xuño de 2024. A Mancomunidade de Concellos da Mariña programou para os días 16 e 29 de xuño dúas novas xeorutas, unha polo Vicedo e outra por Burela. Estas actividades enmárcanse dentro do programa de xeoturismo do Plan de Sostibilidade Turística, que arrincaba a finais de 2023 e está contando con moi boa acollida.
O 16 de xuño terá lugar a xeoruta do Ollo do Sapo, no Vicedo, que se desenvolverá entre as 10:30 e as 13:30 horas, guiada polo xeólogo Fran Canosa. Son 7 aínda as prazas dispoñibles para gozar deste paseo duns 7 quilómetros e medio a través dunha paisaxe de enorme beleza.
Os asistentes terán a oportunidade de coñecer a costa vicedense, esculpida sobre as rocas denominadas Ollo de Sapo, que foron orixinadas pola transformación metamórfica de magma e as cinzas dunha enorme cadea de volcáns explosivos, que chegaban ao Vicedo desde o centro da península.
E para o 29 de xuño está prevista a xeoruta da Marosa, en Burela, de 10 a 13 horas, guiada polo xeólogo Iván Rodríguez. O número de prazas dispoñibles nestes momentos é de 12. Os participantes observarán os materiais graníticos que conforman a base da paisaxe na Mariña Occidental, así como a dinámica costeira, as formas de erosión e depósito como covas, cantís, praias ou tómbolos.
As incricións para realizar calquera destas dúas xeorutas pode facerse a través da páxina web: https://amarinalucense.gal/es/geoturismo