Ribadeo, 7 de xuño de 2024. O Concello de Oviedo foi escenario esta mañá da presentación do IX Ribadeo Indiano. No acto participaron o alcalde ovetense, Alfredo Canteli; o alcalde ribadense, Daniel Vega; a concelleira de Turismo, Marta Saiz; e o xerente de Acisa, Jesús Pérez.
O alcalde de Ribadeo subliñou que o Ribadeo Indiano “é un evento multidisciplinar, que parte do feito da emigración, e ten desde o principio como trazos diferenciadores o seu marcado carácter cultural. Despois de 8 anos nos que o éxito foi a máis, agora toca afrontar unha nova edición coa ilusión posta nunha celebración que nos dá a coñecer polo mundo adiante e que se ten convertido nunha das referencias fundamentais do verán mariñán e galego”.
Vega aludiu á estreita vinculación de Asturias coa vila ribadense e convidou a participar na novena edición do Ribadeo Indiano, que terá lugar do 12 ao 14 de xullo.
A concelleira de Turismo sinalou que “o Ribadeo Indiano é unha celebración cultural e festiva que ten tres grandes obxectivos: poñer en valor o noso rico legado emigrante; celebrar valores como a integración, a solidariedade, a concordia ou a interculturalidade e contribuír a que os países de acollida non sexan só lugares onde repousa boa parte da memoria de Galicia, senón tamén territorios de futuro, prósperos e útiles para todos, a través do mutuo intercambio e coñecemento”.
Marta Saiz dixo que se trata “A Alma de dous mundos é temática desta nova edición coa que pretendemos plasmar as diversas realidades que se vivía nas dúas veiras do Atlántico; xeitos de vivir que se encontraron e que hoxe en día forman parte dun acervo común”.
Pola súa banda, o xerente de Acisa aludiu ao impacto económico que supón para Ribadeo esta importante celebración: “é a maior das actividades que se realizan ao longo do ano. En tan so tres días o Ribadeo Indiano xera millóns de euros de facturación nas nosas empresas”.
Jesús Pérez indicou que “o Ribadeo Indiano converteuse na festa máis esperada do ano por ribadenses e visitantes chegados desde calquera punto do país. Toda a vila se engalana para retornar un século atrás e así acordarnos daqueles que marcharon coas maletas cheas de recordos, pero tamén de ilusións. Esa é a esencia do Ribadeo Indiano”.
O rexedor de Oviedo convidou aos ovetenses e asturianos “a participar en la gran cita del verano de Ribadeo, los días 12 13 y 14 de julio, el multitudinario homenaje a la emigración”.
O IX Ribadeo Indiano celebrarase do 12 ao 14 de xullo. O evento contará con Pilar Cagiao, historiada da USC, como pregoeira desta edición. A música será parte importante do programa, coma sempre, con concertos todos os días. O máis esperado será o do domingo que chega de Alén Mar, na voz do dominicano Vicente García, gañador de 3 Latin Grammy no 2017, 2 no 2019 e outro no 2023. Esta cita, xunto co sorteo dunha viaxe a Cuba para dúas persoas, suporá o broche de ouro a esta novena edición.
Charlas, xincana, coches clásicos, mercado de produtos de ultramar, verbenas tradicionais, festival de habaneras e obradoiros de baile, entre outras moitas actividades, farán que os asistentes se deixen levar polas imaxes da emigración chegada das Américas a través do porto de Ribadeo. A hostalería ofrecerá menús e cócteles indianos, especialmente preparados para a ocasión.
Daniel Vega, Marta Saiz e Jesús Pérez convidaron a asturianos e asturianas a achegarse a Ribadeo do 12 ao 14 de xullo para gozar deste importante evento cultural co que a vila ribadense rende un ano máis homenaxe aos seus emigrantes e a todo o que supuxeron para este municipio.