Dende o PSdeG denuncian que un cartel alerta no ambulatorio desta circunstancia, o que “deixaría sen atención sanitaria á veciñanza desta zona do municipio, tendo que acudir ao de Castro de Ribeiras de Lea”
Sinde amósase moi crítica coa decisión da Xunta e urxe a que se cubran as prazas necesarias de médicos de familia no concello. ”Coa chegada do verán, e tamén dos turistas, o centro médico de Castro Ribeiras do Lea volve a estar na mesma situación de todos os anos, sen médicos. Ante isto, a solución que se da é quitar o médico do Consultorio de Castro de Rei, facendo que este peche durante un mínimo de tres meses, e enviando ao seu médico para Castro Ribeiras do Lea, buscando desta maneira que polo menos en Castro Ribeiras do Lea haxa dous médicos”. Dous médicos, denuncia, que deben atender “a un mínimo de 5.015 persoas que están empadroadas no concello, máis todas as que persoas que nos visitan nos meses de verán e tamén precisan de atención sanitaria”.
Lamentan os socialistas que os prexudicados sempre sexan os veciños e veciñas tanto da vila de Castro de Rei como de todas aquelas aos que este consultorio dá servizo. “Con este peche de centros de saúde só se está conseguindo desmantelar a nosa sanidade pública”, advirte, ao tempo que apunta que en situacións de emerxencia se corre o risco de que os facultativos non cheguen a tempo a atender urxencias por culpa da falta de persoal e tendo en conta as distancias entre os diferentes puntos do municipio. Nese sentido, o PSdeG de Castro de Rei denuncia que a Xunta só fomenta “a sanidade privada e provoca que cada día menos xente viva no rural pola falta de servizos públicos dignos e de calidade”.
O milagre electoral
Alba Sinde ironiza co “milagre electoral” que se produciu hai un ano, cando logo de meses pechado, este mesmo centro de saúde abriu uns meses antes das eleccións municipais. “Pero agora, lonxe dunhas eleccións, sospeitamos que a Xunta poida estar contemplando o peche definitivo do consultorio derivando a atención médica ao Centro de Castro Ribeiras de Lea, onde ademais tamén é frecuente a falla de médicos neste consultorio”.
Os socialistas lembran que tanto dende o Grupo Municipal Socialista de Castro de Rei, como dende o Parlamento ou na Deputación de Lugo, “defendemos iniciativas para demandar insistentemente que non se pechen centros de saúde e que se doten dos facultativos necesarios para dar unha atención de calidade”.