Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Riotorto lamentan que o alcalde “perda tempo sacando fotos en vez de traballar pola veciñanza abrindo o mazo de Ferreiravella”

Denuncian que este espazo leva catro anos pechado pola mala xestión do Concello e critican o “cinismo e o electoralismo” do Partido Popular que “predica a importancia de atender as necesidades da xente, porque estamos en campaña, pero son os primeiros en darlles as costas”

Riotorto, 5 de xuño de 2024. A Agrupación Socialista de Riotorto denuncia que o mazo situado na área recreativa de Ferreiravella continúa en desuso, pola mala xestión do Concello, catro anos despois de que pechara pola pandemia. Apuntan desde o PSdeG que é un dos espazos máis empregados pola veciñanza do concello e da contorna cando chega o bo tempo e, ás portas do verán, esíxenlle ao Alcalde que lle poña solución.

“Non é de recibo que o Alcalde perda o tempo sacando fotos en vez de traballar pola veciñanza abrindo o mazo de Ferreiravella”, reprochan. Aseguran que o restaurante público deste espazo dedicado aos ferreiros é un dos recursos turísticos máis importantes cos que conta Riotorto e que leve pechado tanto tempo, “sobre todo en época estival que é cando mellor debería funcionar pola chegada de visitantes, supón un dano enorme para o desenvolvemento socio económico deste concello”.

Os socialistas critican tamén o “cinismo e o electoralismo” do Partido Popular “que predica a importancia de atender as necesidades da xente, porque estamos en campaña, pero son os primeiros en darlles as costas”.

Denuncian que os deputados provinciais do PP visitaran Riotorto hai unhas semanas “para facer unha foto e pedirlle a outras administracións que fagan o que eles non fan”. “É o modus operandi do PP”, valoran e lembran que precisamente o PP botou 25 anos prometendo mellorar a estrada entre Riotorto e Marco de Álvare e tivo que vir un goberno socialista á Deputación para facer ese investimento de 1,5M€”. Engaden desde a Agrupación Socialista riotortense que a Deputación de Lugo achega cada ano preto de 280.000€ ao Concello de Riotorto a través do Plan Deputación.

Exit mobile version