Os senadores pedirán ao Goberno de Sánchez que explique aos veciños se ten reclamado ao goberno local unha solución efectiva á situación e aos membros da Policía Nacional se ten previsto incrementar o número de efectivos e de equipamento
O que prometía ser unha situación limitada no tempo prolóngase de modo indefinido sen que o goberno local sexa capaz de ofrecer unha solución. Os senadores do PP lucense diríxense ao Goberno de España para coñecer as accións adoptadas, o que ten previsto adoptar o Ministerio do Interior, e para saber se vai incrementar o número de policías e de equipamento desta Comisaría para facer fronte á “complicada” situación actual.
“Son xa preto de 4 meses sen efectivos da Policía Local no municipio de Viveiro por mor da falta de capacidade do goberno local por solucionar o problema e a escasa prioridade que o goberno provincial lle deu á alcaldesa para nomear un instrutor en relación ás baixas de todo o cadro de persoal desde o pasado mes de marzo”, subliña a portavoz municipal do PP, Mariña Gueimunde.
Esta problemática tradúcese en múltiples inconvenientes na prestación dos servizos que teñen encomendadas estes efectivos: control do tráfico urbano e actividades públicas, seguridade cidadá, instrución de atestados, custodia de edificios municipais, auxilio e protección das persoas e bens…
Gran parte dese traballo estase suplindo “grazas á colaboración, disposición e boa vontade das forzas de seguridade do Estado”; pero a elevada carga de traballo está derivando tamén en inconvenientes e trastornos na actividade habitual do corpo de Policía Nacional.
Os senadores do Partido Popular pola provincia consideran que “é necesario que dende o Ministerio se requira ao Concello unha solución que evite a sobrecarga de traballo, garanta mellores condicións que eviten que siga deteriorándose o clima laboral desta Comisaría e, no seu caso, insisten en requirir un reforzo de persoal e equipamento”.
Tamén queren que o Goberno de España explique aos veciños se se ten dirixido ao goberno local para reclamar que adopten unha solución efectiva coa que se evite que sexa a Policía Nacional a que teña que suplir o traballo que deixa de facer a Policía Municipal.