FRUGA e a Asociación Galega de Viticultura , en colaboración coa área de Rural e a tenencia de alcaldía viveirense, organizan unha nova cata de viños no Centro Comarcal de Viveiro o venres 5 de xullo
Viveiro, 27 de xuño de 2024. FRUGA e a Asociación Galega de Viticultura, en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a tenencia de alcaldía de Viveiro, lanzan unha nova cata e coloquio dos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terras do Navia. Será o venres 5 de xullo a partir das 17:00 horas no Centro Comarcal de Viveiro. O deputado de Rural, Daniel García, xunto a representantes do concello e das entidades organizadoras presentaron esta nova formación.
Durante a xornada as persoas asistentes participarán nunha charla coloquio con José Crusat, da adega Entre os Ríos (IXP Terra de Barbanza e Iria) e José Manuel Méndez, da Asociación Bodegueiros do Navia. Posteriormente haberá unha cata da man do sumiller Martiño Santos con viño da Adega Panchín e Adega Sidrón, de Negueira de Muñiz, e de Bodega da Señora, de Navia Suarna, as tres adegas que comercializan viños co selo da IXP.
Daniel García destacou a importancia de “achegar os produtos da provincia de Lugo aos locais de hostalería, para así dalos a coñecer entre toda a poboación. Este selo de calidade foi recoñecido fai un ano e medio, polo que o seu percorrido é moi breve, pero dende as adegas celebran que o produto ten cada vez máis interese e eventos coma este axudan a aumentar a súa repercusión nos circuítos curtos de distribución”.
Pola súa banda, o técnico de FRUGA Javier Monteagudo invitou á formación “ao sector hostaleiro de Viveiro e da Mariña, xa que a actividade permite dar a coñecer estes viños que pouco a pouco medran en vendas e consumo. Na actualizade a venda é principalmente local e por Galiza, pero ademais das tres adegas actuais hai outros tres proxectos e esperamos nun futuro próximo aumentar o volume de produción e o, ao mesmo tempo, achegar a IXP Terras do Navia a novos mercados”.
As accións promocionais, que pretenden ampliar o coñecemento da conca do Navia e dos seus viños tras lograren o pasado ano o certificado de calidade, continuará cunha cata en Barreiros o 12 de xullo, anteriormente realizados en Lugo e Vilalba.
A área de Rural dá continuidade así a colaboración que mantivo nos dous últimos anos coa Asociación Galega de Viticultura, desenvolvendo diferentes accións de formación e asesoramento a mozos e mozas con interese por emprender o seu proxecto de vida vencellado aos viños de Terras de Navia, co obxectivo de recuperar a produción de viño na zona e reverter o abandono de viñedos que se deu nas últimas décadas.