Site icon Crónica3.com A Mariña

Os colaboradores que viñeron xestionando a canteira do Viveiro CF estas dúas últimas tempadas, comunican ao club e ao concello que non van continuar

Viveiro, 28 de Xuño de 2024. Os pais colaboradores que viñeron xestionando a canteira do Viveiro CF as tempadas 22/23 e 23/24 comunicaron ao club e ao Concello que non van continuar. Asumiran o compromiso ante o Club e o Concello de facerse cargo de forma temporal mentres se buscaba unha solución para a unificación do futbol base, mais “non se albisca ningún avance nin posible arranxo na liña do falado hai dous anos”.

Por outra banda, tamén, aducen unha falta de sintonía co Presidente do Viveiro CF que, en repetidas ocasións, tanto de forma pública como en privado, manifestou un nulo interese en que o club conte con canteira, o que fai tremendamente complicado un traballo coordinado, eficiente e cuns obxectivos definidos e nítidos; ademais de provocar un gran desgaste en quen de forma desinteresada involucráronse nesta axuda e compromiso. Os pais colaboradores asumen que o lóxico é que o Presidente da entidade sexa quen marque as directrices deportivas do club, e ao non ver un encaixe da canteira nesa filosofía, cren que o máis conveniente é apartarse desa cooperación. En todo caso subliñan que grazas á axuda e apoio decidido de todos e cada un dos distintos patrocinadores que en maior ou menor medida se teñen implicado en que mozas de entre 15 e 19 anos puidesen practicar o deporte do fútbol nunhas condicións idóneas, os equipos da base do Viveiro CF non custaron nin un só euro ás arcas do club.

Os pais colaboradores lembran que na tempada 22/23 asumiron a xestión de forma temporal porque nese momento expúñase a ruptura do fútbol basee en Viveiro, o que levaba aparellada como consecuencia que os xuvenís e cadetes con ficha no Viveiro CF quedaban fóra de toda posibilidade de continuar competindo en División de Honra (cadetes) e Liga Galega (xuvenís). “Ambos os equipos estaban destinados á súa desaparición debido a que quedaran orfos da dirección deportiva que ata entón encargábase da canteira do Viveiro Cf., e grazas a este compromiso co Concello (que achegou un importante impulso económico), por primeira vez na centenaria historia do club, o Viveiro CF contaría cun equipo cadete na División de Honra do fútbol nacional, ademais de evitar a desaparición do de categoría Xuvenil que continuaría disputando a liga Galega”.

Exit mobile version