Site icon Crónica3.com A Mariña

Ollomao entrega este mércores os premios “Ollo, cámara…acción!”

Barreiros, 18 de xuño, 2024. Foi a primeira edición do certame “Ollo, cámara… acción”, e resultou exitoso. Un total de 14 pezas foron presentadas ao mesmo, cun nutrido grupo de alumnas e alumnos de distintos centro de ensino da Mariña tras a creación das mesmas. Vídeos de un minuto de duración no cal se deu renda sola á imaxinación cun mesmo obxectivo en común: reivindicar a necesidade dunha igualdade real entre homes e mulleres, poñer o foco positivo nas accións que camiñan cara ese fin e tamén sinalar aquelas accións contrarias a isto.

As pezas participantes serán proxectadas na mesma Gala, e as premiadas serán dadas a coñecer in situ. Establécense dous premios: un primeiro cun vale de 300€ e un segundo de 200€, para destinar a adquisición de material educativo, bibliográfico ou audiovisual. O xurado está composto por persoas de recoñecida experiencia e vinculación co ámbito feminista, como son: Lucía Canoura, activista e profesional do ámbito da igualdade e actualmente tamén xerente do Lugar das Marías en Xove; Ramón Torrente, consultor especializado no desenvolvemento de proxectos de carácter social e cultural sempre dende unha perspectiva igualitaria; Montse Porteiro, Concelleira de Igualdade en Barreiros; Sandra Saavedra, vencellada profesionalmente ao ámbito dos coidados e implicada en numerosas causas e movementos feministas; e Maider Pumariño profesional no campo audiovisual, con ampla experiencia na creación de pezas para vídeo.

Ademais, todas estas persoas comparten simpatía e respeto pola nosa lingua, sendo outro dos temas transversais que dende Ollomao se buscaba poñer en valor con este certame: incentivar á creación audiovisual en galego, especialmente entre a mocidade, demostrando que coa cultura non hai fronteiras.

O acto estará conducido por Lucía Fernández, integrante do grupo de teatro Ollomao e tamén do Observatorio da Mariña pola Igualdade. Contarase dende o comezo coa música de Señora DJ de Vilagarcía de Arousa quen poñerá a nota musical ao evento para facer desta unha verdadeira festa da igualdade, e rematando cun picoteo para todas as persoas asistentes.

Dende Ollomao convidan a asistir a todas as persoas que o desexen, dirixíndose con especial fincapé ás familias, profesorado e por suposto persoas máis mozas, no que todo está pensado para ser un acto cargado de valores que reivindicar e, sobre todo, compartir.

Exit mobile version